O CPA Gondomar volve subirse rodando ao máis alto do podio co seu show “El Huésped”

Esta fin de semana disputouse a Copa Galega de grupos show de 1ª e 2ª categoría na provincia de Ourense, co Club AEHDE como anfitrión. O evento comezou cos grupos da categoría júnior e cuartetos, para seguir cos grupos pequenos de Segunda Categoría e terminar na dominical cos grupos grandes de Segunda e as dúas modalidades de Primeira.

A competición desenvolveuse a porta pechada para evitar contaxios e manter as medidas de seguridade establecidas, pero isto non impediu que a gran afección por esta modalidade de patinaxe a seguise por canle de streaming e desfrutase cos seus seguidores sendo así partícipes do gran show.

“El Huésped” é o nome do novo show grande promocional do Club Patinaxe Artística Gondomar: “Algo descoñecido e inesperado chegou á Vila devastando todo o que atopa no seu camiño… a peste”. Defenderon o seu programa os 17 deportistas de patinaxe artística sobre rodas, coreografiado por David Figueroa, tamén adestrador do equipo, e coa axuda de María Nombela, parte do equipo técnico e físico do club gondomareño, conseguindo o ouro na Copa Galega disputada este domingo no Pavillón Paco Chao.