Anuncios
Ticker de novas

Os centros de día e residencias do Val Miñor celebran o Entroido no Auditorio de Nigrán

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Os usuarios dos centros de día e residencias do Val Miñor.

Preto dun cento de usuarios dos centros de día e residencias do Val Miñor festexaron esta mañá o seu propio Entroido no Auditorio Municipal de Nigrán, como vén sendo habitual ano a ano. Cada centro conformou cadansúa comparsa e interpretou unha canción ou parodia nunha xornada presentada por usuarios do Centro Juan María de Parada e que culminou cunha merenda a base de orellas de Entroido.

A deliberación do xurado, composto polos concelleiros de Nigrán Alfonso Vázquez e Luis Sanromán, a edil gondomareña Rocío Cambra e a edil baionesa Mª Carmen Paredes, deixou como primeiro clasificado ao Centro de Día Mancomunado Val Miñor coa súa comparsa “Álvaro Cunqueiro”. Os integrantes, disfrazados de pacientes e persoal médico, realizaron unha divertidísima e mordaz sátira sobre a precariedade da atención sanitaria. Os segundos clasificados resultaron “Pingüinos celtistas”, da residencia Vila do Conde (Gondomar); terceiros “As flores” , de Botando unha man (Nigrán); cuartos “Ferias indomables” da Residencia Bo día (Nigrán); e quintos “Abellas”, da Residencia Bellavista Care (Nigrán). Houbo tantas comparsas como premios repartidos.

Anuncios