Gondomar controlará o aforo das actuacións das orquestras coa reserva previa de prazas

A música e espectáculo das grandes orquestras regresa esta fin de semana a Gondomar, coincidindo coa celebración das súas festas patronais. Este sábado 10 de xullo, o grupo ASSIA actuará no parque das Cercas a partir das 22:00 horas, mesmo lugar onde o domingo 11 soarán os temas da Orquestra Marbella.

Os interesados en asistir deberán reservar a súa entrada a través do despacho de billetes electrónico https://taquilla.concellodegondomar.gal/, que será gratuíta pero servirá para acceder ao recinto ata completar o aforo de 330 persoas permitido neste momento. Ademais esixirase o uso da máscara durante toda a actuación.

A medida adóptase ante as novas indicacións das autoridades sanitarias e para garantir en todo momento que se cumpren as normas de seguridade. Desde a Concellería de Cultura apelan á colaboración e responsabilidade da cidadanía para garantir “que podamos gozar de boas actuacións sen poñer en risco a nosa saúde nin a dos demais, tal e como os veciños e veciñas de Gondomar demostraron ata o momento”.