Ferreira explica a veciños e comerciantes o proxecto de humanización e peonalización da Praza Rosalía de Castro

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, xunto ao seu equipo de goberno e o arquitecto Pedro Souto, redactor do futuro proxecto de humanización e peonalización da Praza Rosalía de Castro, participaron nunha asemblea aberta e informativa para expoñer a iniciativa e aclarar as dúbidas que poidan existir respecto a ela.

Tal e como explicou, con este proxecto o goberno de Gondomar concorre á subvención Ágora da Deputación de Pontevedra, que podería supoñer un investimento dun millón de euros, cantidade que atendendo aos criterios establecidos -e relacionados coa Axenda 2030 cara á que camiñan todas as cidades, vilas e países- esixen gañar espazos para os cidadáns, tal e como se aposta co proxecto de Rosalía de Castro.

O alcalde Paco Ferreira pediu aos veciños que confíen neste tipo de iniciativas e agradeceu a oportunidade que brindan ao goberno local de poder compatibilizar sensibilidades que non están rifadas co progreso e futuro do municipio e a súa sustentabilidade. “Entre todos, sen dúbida, faremos un Gondomar máis grande e mellor”, concluíu o rexedor.