Baiona volve mañá aos oitenta

A península de Santa Marta acolle mañá o I Festival “La Recta”, toda unha homenaxe á época dourada da movida baionesa. Máis de seis horas de música, desde as 18:30 ata a 1:00 da madrugada aproximadamente, transaladarán a todas as persoas que se acheguen a gozar da música dos 80’s. Unha alternativa de lecer segura xa que o aforo estará supervisado con control de presenza. Unha ferramenta que permitirá mostrar o aforo en tempo real.

O festival gratuíto, organizado polo Concello de Baiona e que forma parte da axenda cultural Baiverán 2021 organizada desde a Concellería de Cultura, ofrece un nutrido cartel con bandas que marcaron a época da movida no panorama español.

Os encargados de poñer os primeiros acordes serán “Los Limones”, que darán o pistoletazo de saída ao festival ás 18:30 horas e durante unha hora trasladarán aos alí presentes aos míticos oitentas. Cada actuación se intercalará, aproximadamente durante media hora, cos sons da mesa de mesturas dun Dj dos 80’s. Ás 20:00 horas “Trogloditas” subirá ao escenario para interpretar as súas míticas letras. Ás 21:15 volverá o Dj. O bloque forte do festival comezará ás 21:45 coas actuacións de “El Norte”, “Tenesse”, “The Refrescos”e “El Capitán Inhumano”. O PopTour oitenta estenderase ata as 00:15 e o punto e final ao festival poñerao o Dj cos últimos ritmos da mítica movida para finalizar á 1:00.

“Se te acordas dos 80 é que non os viviches”. Esta frase de Loquillo mide os graos de implicación na década en que España fíxose moderna e deixou o mito da “movida” asociado a un tempo. A “movida” foi principalmente Madrid. Tamén o foi Vigo e Baiona era unha das principais paradas da movida viguesa.

“A idea é levar a cabo un festival para Baiona, que se consolide no tempo e que recolla a varias xeracións, música sen data de caducidade que nos traslade a calquera tempo pasado foi mellor. Concertos e gastronomía que fagan lembrar aos que a viviron e ensinen aos que non tiveron a oportunidade de facelo. Queremos converter Baiona nun referente da época dourada do Pop español”, sinala a concelleira de Cultura, Miriam Costas.

Pola súa banda o Alcalde, Carlos Gómez, destaca que “nesta primeira edición queremos involucrar a diferentes sectores, como a hostalería de Baiona e por suposto aos veciños e veciñas a través do propio Concello. É un festival que nace con afán de chegar a consolidarse no panorama musical, para iso, nesta primeira edición será o Concello quen patrocinará todo o evento para ofrecelo en formato gratuíto. É unha oportunidade única de reinvindicar a historia da movida baionesa. Tamén un recoñecemento a todos os empresarios e empresarias que apostaron por esta zona de Baiona e que co seu traballo e esforzo conseguiron posicionar a localidade en parada obrigatoria do roteiro da famosa movida dos 80’s”.

Nun primeiro momento a empresa encargada da produción tiña outro nome para o festival pero foi o propio rexedor quen tivo a idea de vincular o festival dos 80’s con “a recta” de Sabarís e “a súa movida” e con todos aqueles empresarios e empresarias que puxeron a Baiona no mapa da movida viguesa.

O espazo escollido para o evento non podería ser outro que a península se Santa Marta, enclave ideal para contextualizar os anos 80 baioneses, debido a que é a entrada á Recta de Baiona.