“A humanización da Vila de Gondomar debe ser pensada no seu conxunto”

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, explicou o pasado luns aos comerciantes e veciños da Praza Rosalía de Castro o proxecto de humanización da zona. Antonio Araújo, voceiro de Manifesto Miñor, quen asistiu á reunión, critica que tardara un mes en facelo. “O resultado foi un baño de realidade e sentido común por parte dun colectivo que traballa arreo para sacar adiante os seus negocios, as súas familias e pagar os impostos municipais, grazas aos cales o Sr. Ferreira pode presumir dun goberno con sete dedicacións exclusivas, incluído o seu xeneroso salario”.

“Non lle serviu de nada vender fume e prometer aparcamentos a esgalla diante de quen está canso de agravios e esquecementos. Os comerciantes dixéronlle que se quería axudar que rebaixe ou suprima impostos e taxas como fixeron outros concellos durante a pandemia. Para escarnio dos presentes atreveuse a comparar a Vila de Gondomar con Barcelona; ou que o Concello faría a vista gorda por meter os coches nas zonas peonís para recoller a compra, etc. como xa fai algún comercio; ou que os veciños dos primeiros ían poder durmir co cambio de pavimento. Un argumentario tan pobre coma o proxecto presentado, tratando aos asistentes como indocumentados”, afirma Araújo.

“Tamén dixo que por responsabilidade non ía renunciar ao millón de euros do Plan Ágora da Deputación (fondos europeos) que só poden ser empregados neste tipo de proxectos humanizadores. Unha vez máis o Sr. Ferreira mentiu. Primeiro nas cantidades máximas de subvencións que se poden obter a través do Plan Ágora: 50.000€ para a redacción do proxecto e 100.000€ para as obras. Dos 800.000€ (80%) a conta da Deputación e os 200.000€ (20%) do Concello que nos vendeu, nada de nada. E segundo, no caso de que a subvención solicitada fose pola vía do Plan RECPON, tamén con fondos europeos xestionados pola Deputación e vinculado á Rede Ágora, efectivamente sería posible obter a subvención dos 800.000€, pero, poderían ser empregados noutro tipo de proxectos, como por exemplo a rehabilitación do CDL (Actuacións de tipo 1 segundo as bases publicadas no BOP de 21 de xuño)”, engade o voceiro de Manifesto Miñor.

“Obviamente, se a solución dun problema se propón partindo de semellantes premisas como comparando Gondomar con Barcelona, o fracaso está asegurado. A humanización da Vila de Gondomar (á que ninguén se opón) debe ser pensada no seu conxunto, e pasa en primeiro lugar por ter claro cal é papel que queremos xogar dentro da comarca do Val de Miñor e da Área Metropolitana de Vigo. Dende sempre a xente veu a Gondomar, e segue a vir, buscando comercio, servizos, ou lecer de calidade. Algo do que podemos estar orgullosos e que o Sr. Alcalde despreza tentando impoñer un modelo de vila dormitorio sen abrir o mínimo debate social ou diálogo coas persoas que traballan ou vivimos aquí”.

Araújo lembra que Gondomar non ten paseo marítimo nin unha zona vella histórica, e depende exclusivamente da calidade e variedade do que ofrece, sexa comercio, servizos, lecer, etc. “Nun espazo tan pequeno como é a Vila de Gondomar hai de todo, e iso sábeno ben os clientes que veñen dende Tui, Tomiño, A Guarda, Nigrán, Valadares, etc, e por suposto das nosas parroquias. Calquera cambio que sexa entendido polos potenciais clientes coma un atranco que dificulte a mobilidade ou o acceso á Vila, así como a supresión de aparcamentos, provocará, xa o está facendo, a derivación de clientela ás grandes superficies de Porto do Molle en Nigrán (a 15minutos), á Ramallosa (5 minutos), etc”.

“Certo que hai unha parte do traballo que teñen que facer os comerciantes, como poñerse ao día en moitas cousas, incluso en competir coa venda on-line, etc, por iso é tan importante a implicación do Concello nestes novos retos no canto de afogar ao comercio de proximidade que aínda nos queda e tronzar as sinerxias existentes con outros produtores locais, etc. Lamentablemente cando o que se busca e a rendibilidade electoral inmediata ou o aplauso fácil e a foto, o futuro pasa a un segundo plano. Pois haberá que loitar, e somos moitos os que estamos dispostos a facelo”, conclúe o voceiro de Manifesto Miñor.