O Barbeira Season Fest consolídase como o “gran festival de pequeno formato”

Esta mañá presentouse oficialmente en Baiona o Barbeira Season Fest que se celebrará na península de Santa Marta da localidade os días 27, 28, 29 de agosto.

Na presentación participaron a Delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, a concelleira de Cultura de Baiona, Miriam Mar Costas, o Brand Manager de Mahou San Miguel en Galicia, Hugo Pérez e o director do Barbeira Season Fest, Isaac González.

A Delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, salientou a “mestura de valores de peregrinaxe, sustentabilidade, cultura gastronomía e música do Barbeira Season Fest”. Do mesmo xeito, a representante autonómica falou da conexión que do festival “coa tradicición mariñeira e costeira do Camiño”. “Un Xacobeo deseñado para todos e para toda Galicia, engadiu.

Dende o Concello, a concelleira de Cultura, Miriam Mar Costas, que se autoproclamou “madriña do festival”, convidou a toda a xente a participar do Festival e, ao mesmo tempo, a “desfrutar de Baiona e de toda a súa riqueza turística”. “Levamos apoiando este festival dende o seu inicio e converteuse xa nunha das citas ineludibles da programación cultural de Baiona”, sinalou a concelleira.

Pola súa banda, Hugo Pérez, Brand Manager de Mahou San Miguel en Galicia, o principal patrocinador privado do festival, comentou durante a súa intervención que “levamos patrocinando o Barbeira Season Fest dende a súa primeira edición e mantivemos o noso apoio ao festival incluso nos momentos máis duros da pandemia porque é a nosa forma de contribuír a garantir a súa supervivencia e consolidación e cumprir o noso propósito como marca, que é seguir achegando á xente a través da música ”, dixo Hugo Pérez, que tamén quixo reafirmar “o compromiso de Mahou co festival e o talento musical emerxente, ademais de reclamar o seguro de encontro social como imprescindible para vivir mellor”.

O director do festival, Isaac González, falou da edición deste ano como “a edición da consolidación”. “O festival xa ten vocación de pequeno formato, polo que é mais doado adaptalo á normativa sanitaria. A pesar das circunstancias esta é a edición máis grande en contido ata o de agora”. “O Barbeira Season Fest é o máis grande dos festivais pequenos”, sinalou González. “Medramos dous días e traemos a Baiona a 18 grupos. Somos o único festival galego que, este ano, propón unha experiencia así”, remata.

18 grupos daranse cita no Escenario Vibra Mahou do Barbeira Season Fest os días 27, 28 e 29 de agosto. O venres 27 o público poderá desfrutar do concerto de balde de Baiuca, no marco do programa Musigal da Deputación de Pontevedra en colaboración co Concello de Baiona. O sábado 28 e o domingo 29 subiranse ao Escenario Vibra Mahou Viva Suecia, Ladilla Rusa, Confeti de Odio, Mujeres, Basanta, Tronco, Laborde, Los Marcianos, Aiko El Grupo, Carlota, Malamute, Chef Creador, Marcelo Criminal, Valdivia e La Claridad. Estes dous días, celebranse tamén os Concertos Vibra Mahou de Moura e Kings of the Beach. Estas dúas últimas actuacións están vinculadas á colaboración establecida entre a cerveceira, a Fundación Paideia Galiza e a Escola de Organización Industrial (EOI) co obxectivo de impulsar o emprendemento entre o talento musical emerxente.

Entradas e abonos

Os abonos para vivir a “experiencia Season” completa (tamén as reservas para o concerto de balde de Baiuca) son limitados e xa están á venda na web do festival e A Taquilla. A organización, polo de agora, só contempla o abono completo xa que por aforo limitado non poñerán entradas para días soltos.

O Barbeira Season Fest, organizado pola promotora de eventos Elemental Street, conta co apoio da Xunta de Galicia, Xacobeo 21-22, o Concello de Baiona e a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas, Vibra Mahou, na súa aposta por achegar ás persoas a través da música e reivindicar os encontros sociais seguros como algo esencial para vivir mellor.