O PP de Gondomar critica que o concello non conte coas parroquias na programación cultural do verán

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Paula Bouzós.

A voceira do Partido Popular denuncia que o concello volve a ignorar ás parroquias e aos grupos e artistas do propio concello na programación de actividades do departamento de cultura. Ao mesmo tempo botan en falta unha programación propia e en franxa horaria adecuada para os cativos. “Case todas as actividades están programadas máis alá das nove da noite, un horario que non facilita para nada a participación dos cativos ademais de ser contadas as actividades organizadas para estas idades”.

Critican ademais que todas as actuacións están programadas nunha parte do centro da vila, esquecéndose doutras prazas e zonas do centro como por suposto das parroquias. “Xa sabíamos que para o alcalde socialista as parroquias non importan nada, xa o vén demostrando coas obras que adxudica, pero agora o confirma ademais no eido da cultura. Grazas ao traballo voluntarioso dos veciños que, coas asociacións de veciños e centros culturais, fan que as parroquias poidan desfrutar de actividades culturais ante o abandono do concello. O Partido Popular de Gondomar manifesta o máximo respecto polos grupos participantes nesta programación cultural, pero non pode aceptar que, salvo contadas excepcións, os grupos do noso propio concello non conten para a concelleiro de Cultura nin para o alcalde de Gondomar, que deberían promocionar a nosa cultura incluso máis alá do noso concello”.

“Atrás quedan aqueles concertos de música folk que sempre organizaba o Concello de Gondomar, que eran a envexa de todo o sur da provincia, ou a colaboración existente cos grupos de baile, gaitas, coros e de distinta índole cultural e musical que enriquecían a cultura nun concello que sempre foi pioneiro na programación cultural”, remata dicindo Paula Bouzós, voceira do Partido Popular de Gondomar.