Anxo Rodríguez Lemos ofrece unha xeira sobre as “Orixes do Mosteiro de Oia. Ermitáns en San Cosme”

Dentro das actividades que nos trae para este verán o Concello de Baiona dentro da súa axenda cultural Baiverán, atópanse catro roteiros guiados organizados polo IEM (Instituto de Estudos Miñoráns) que nos permitirán coñecer a nosa contorna da man de persoas expertas. O vindeiro venres 9 de xullo dáse o pistoletazo de saída ás coñecidas como “Xeiras de Verán do IEM”. Ás 18:30 horas, Anxo Rodríguez Lemos, historiador e doutoramento na USC e membro do IEM, ofrecerá un roteiro baixo o título “Orixes do Mosteiro de Oia. Ermitáns en San Cosme”.

O punto de encontro será en Chan da Lagoa. O historiador baionés fará unha aproximación á vida dos monxes do mosteiro de Santa María, a primeira comunidade ermeritoria en San Cosme alá polo Século VI. Así mesmo, Rodríguez Lemos fará ás persoas asistentes un percorrido que transcorrerá cun completo e pormenorizado relato histórico pola aldea medieval de San Cosme e o seu eremitorio unificado ao mosteiro de Oia. O roteiro terminará na Fonte Santa. Estará presente un intérprete de linguaxe de signos para persoas xordas.

Para participar é imprescindible a inscrición previa na Oficina de Turismo ao haber número limitado de prazas debido ás medidas preventivas ante a COVID-19. Quedan poucas prazas dispoñibles para este primeiro roteiro. As inscricións poden facerse a través do mail oficinadeturismo@baiona.gal, o teléfono 986 68 70 67, ou presencialmente na Oficina de Turismo de Baiona en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00.