Nigrán estrea os festivais musicais de verán con Sona Gaifar

O Concello de Nigrán abre este venres e sábado a súa tempada de festivais musicais de verán coa segunda edición de Sona Gaifar neste espazo municipal de Panxón (Gaifar). Este minifestival dedicado á música electrónica e estilos fronteirizos contará cun aforo limitado a 284 persoas que se cubrirá por rigorosa orde de chegada, comezando o venres ás 19:00 e o sábado ás 18:00, polo que é recomendable acudir con tempo anticipado para garantir a praza. A disposición do público será sentado en mesas de 4 e cadeiras individuais.

Sona Gaifar muda este ano cara un formato de dous días condensados nunha mesma fin de semana. O que non cambia é o concepto e o espírito do proxecto: contribuír a complementar a oferta musical e cultural do verán na localidade, a través de propostas musicais inéditas e conectadas con correntes actuais, e apoiar ao tecido artístico e as empresas colaboradoras e provedores de Nigrán, Val Miñor e contorna de influencia. A especificidade de Sona Gaifar é apostar por opcións musicais e audiovisuais que non se poden ver noutros festivais do circuíto da nosa contorna de referencia e Comunidade. Unha mestura de artistas locais/autonómicos e outros do resto do Estado.

O formato, duración do evento e número de propostas artísticas deste ano seguen condicionados polo excepcional da situación que vivimos. Pese a elo, Sona Gaifar presenta un cartel cunha notable presenza de artistas femininas, un equilibrio entre propostas emerxentes e outras de maior percorrido nas súas carreiras, e unha compoñente estilística que atende a diversas manifestacións da música electrónica. Cómpre subliñar que os artistas convidados ou ben nunca actuaron en Galicia (Helena Guedes, Luis Costa & Christian Len) ou o fixeron en moi contadas ocasións (Jus Kno’). No caso de EQX, esta será unha das súas primeiras actuacións en directo, co seu primeiro disco editado hai escasos días.

Sona Gaifar é un evento promovido polo Concello de Nigrán, con apoio da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos, e coa produción e comisariado artístico de Certain Music e o xestor cultural nigranés Víctor Flores.

“Este ano esperamos moita maior asistencia de público, hai persoas que se desprazarán dende Lugo, A Coruña e incluso Madrid. Isto é algo que nos aleda enormemente, xa que un dos obxectivos deste proxecto é contribuír dende a humildade do noso evento á dinamización da economía e tecido empresarial local (hoteis, restaurantes…)”, sinala un dos seus directores, Víctor Flores.

Programación venres 9

Sona Gaifar abrirase o venres cun formato mixto. Por unha banda, a presentación do libro “Balearic, historia oral da cultura de club en Ibiza”, un exhaustivo traballo que recolle a orixe e evolución da escena cultural, musical e de clube en Ibiza ao longo de case seis décadas a través dun centenar de entrevistas cos seus protagonistas locais e internacionais. Nunha conversa moderada por un dos directores de Sona Gaifar, Víctor Flores, os seus autores, Luis Costa e Christian Len debullarán os detalles deste extenso tratado que recolle a orixe de Ibiza como epicentro dunha cultura musical de alcance mundial, dende os anos 60 ata a actualidade. Ambos son xornalistas, DJ’s e axitadores musicais de longo percorrido. Luis Costa é responsable de prensa de Razzmatazz Clubs de Barcelona, onde tamén exerce como DJ regularmente, e é tamén autor do libro “Bacalao! Historia oral da música de baile en Valencia, ‪1980-1995‬” (Contra, 2016). Christian Len é DJ e xornalista, especializado en radio musical. Traballou para diversas emisoras (entre elas Sónar Radio, Radio Primavera Sound ou Ibiza Sónica) e é promotor das festas Homies no lendario Pikes Hotel. Despois da conversa ao redor do libro, ambos ofrecerán unha sesión de DJ baseada nos sons do denominado son Balearic.

Programación sábado 10

O sábado o programa presenta dúas sesións de DJ e dous concertos en formato audiovisual. Abrirá a programación Toccororo, unha DJ, bailarina e modelo con sangue cubana e galega, ademais dunha das caras máis frescas e novas dunha nova xeración de artistas sen complexos. Traballa a medio camiño entre Vigo e Madrid, e nas súas intensas sesións mestúranse estilos moi diferentes, dende o Dancehall aos Afro Beats, Dembow, Hip Hop ou R&B.

Outro dos obxectivos de Sona Gaifar é tender pontes con artistas e promotores do norte de Portugal, favorecendo o intercambio e transvase de propostas artísticas. Helena Guedes é unha das DJ’s e selectoras máis interesantes da efervescente escena de Porto, con sesións habituais en Pérola Negra Radio, Dublab ou no canal de streaming Alinea A, ademais dos clubs e festivais máis destacados de Portugal. A súa selección musical abrangue un enorme entusiasmo polo Jazz, Reggae, Dub, Calypso, Soul, Boogie, Disco e tamén por sons electrónicos de baile (House, broken beats…).

O primeiro concerto vén da man de EQX, misterioso proxecto lucense que nace da unión dun produtor bonaerense e unha cantante, coa intención de mergullarse na innovación e a experimentación. O seu son é unha mestura de avant-pop, breakbeat e ritmos acelerados que convidan ao baile. En Sona Gaifar estrearán o seu primeiro disco, publicado a mediados de xuño, e estarán acompañados do artista visual Martiño Porto, tamén responsable do vídeo do seu tema “Lois”, que conta con letra dun poema do lembrado poeta Lois Pereiro.

Pecharán a noite Jus Kno’, dúo formado polos asturianos, Álex Aller (produtor musical) e Pablo Villanueva (artista visual). Ambos uniron forzas en 2015 para desenvolver un proxecto onde a música e a imaxe coexisten baixo unha soa identidade. Levan publicado 5 EPs e un LP, “Looped Circles”, editado este ano, unha viaxe emocional a través das vivencias de ambos durante 2020. No seu directo propoñen unha mestura de capas de son a través de instrumentos electrónicos, sintetizadores e guitarras, acompañada dunha rotunda narrativa visual.

A entrada o evento é de balde ata completar aforo, e o público asistente deberá cumprir os protocolos Covid vixentes recentemente definidos para espectáculos ao vivo. Toda a información a este respecto publicarase na web e redes sociais do festival.