As nigranesas Chac Mool e Trisk Ale lanzan unha cervexa artesá ideal para acompañar a comida mexicana

A Taquería Mexicana Chac Mool e a firma de cervexas artesás Trisk Ale desenvolveron unha cervexa ideal para acompañar a comida mexicana, principalmente os tacos. A “Chela do Chac Mool” é unha cervexa artesá, suave e refrescante, que nace na costa atlántica e que se recomenda tomar moi fría, para gozar do seu sabor e lixeireza. É unha cervexa pensada para maridar a comida de Chac Mool, que é unha explosión de sabores e moi rica en matices.

“Cando Chac Mool transmitiunos a idea de crear a súa propia cervexa artesá, pareceunos unha gran fusión de ideas. Tivemos colaboracións con cervexeiras artesanais de México e sabiamos o que necesitaban: unha cervexa lager, de grolo fácil e refrescante, con aroma a malta e certo retrogusto lupulado e con final seco, que xunto co seu corpo sedoso é perfecta para limpar a boca e refrescar o picante despois de cada grolo”, comentou Andrés Toledano, socio da firma Trisk Ale.

Na súa etiqueta, xa se visualizan elementos característicos da cultura mexicana, como as máscaras de loitadores, Quétzalcoatl (a serpe emplumada), e alimentos mesoamericanos como o aguacate, millo, chiles, entre outros. De momento, só estará á venda na taquería Chac Mool, situada en Praia de Patos (Nigrán), pero o próximo mes dará un paso cara á internacionalización coa apertura dun novo local de Chac Mool en Cascais (Portugal).

Alain Gutiérrez, un dos socios de Chac Mool, describe a cervexa como “unha chiscadela máis á nosa cultura mexicana, un oasis refrescante, que acompañada dos nosos tacos, farache “viaxar” a calquera rúa ou praia mexicana. Ademais das cervexas mexicanas de importación que temos no noso local, ampliamos as opcións cunha cervexa propia, feita ao noso gusto e afín cos nosos tacos”.