Baiona homenaxea a época dourada da recta de Sabarís cun festival de música dos 80’s

Esta mañá o salón de plenos do Concello de Baiona acolleu a presentación do Festival “La Recta” que se celebrará o vindeiro sábado 10 de xullo no emblemático enclave da península de Santa Marta. No acto estiveron presentes o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, a concelleira de Cultura, Miriam Costas, representantes da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA) e unha representación dos empresarios que na época dourada da recta tiveron locais tan emblemáticos como o Persígueme Rodríguez, o Yaba, La Bici, Banús, Elígeme ou o Villa María nesta coñecida zona de lecer baionesa. Tamén Santiago Sánchez del Cerro, cantante de “El Capitán Inhumano” que interpretou en directo “Que difícil es hacer el amor en un Simca 1000” para abrir boca para o vindeiro sábado.

“A idea é levar a cabo un Festival para Baiona, que se consolide no tempo e que recolla a varias xeracións, música sen data de caducidade que nos traslade a calquera tempo pasado foi mellor. Concertos e gastronomía que faga lembrar aos que a viviron e ensinen aos que non tiveron a oportunidade de facelo. Queremos converter Baiona nun referente da época dourada do Pop español”, sinala a concelleira de Cultura, Miriam Costas.

“Se te acordas dos 80 é que non os viviches”. Esta frase de Loquillo mide os graos de implicación na década en que España fíxose moderna e deixou o mito da “movida” asociado a un tempo. A “movida” foi principalmente Madrid. Tamén o foi Vigo, e Baiona era unha das principais paradas da movida viguesa.

Pola súa banda o Alcalde, Carlos Gómez, destaca que “nesta primeira edición queremos involucrar a diferentes sectores, como a hostalería de Baiona e por suposto aos veciños e veciñas a través do propio Concello. É un festival que nace con afán de chegar a consolidarse no panorama musical, para iso, nesta primeira edición será o Concello quen patrocinará todo o evento para ofrecelo en formato gratuíto. É unha oportunidade única de reivindicar a historia da movida baionesa. Tamén un recoñecemento a todos os empresarios e empresarias que apostaron por esta zona de Baiona e que co seu traballo e esforzo conseguiron posicionar a localidade en parada obrigatoria do roteiro da famosa movida dos 80’s”.

Nun primeiro momento a empresa encargada da produción tiña outro nome para o festival pero foi o propio rexedor quen tivo a idea de vincular o festival dos 80’s con “a recta” e “a súa movida” e con todos aqueles empresarios e empresarias que puxeron a Baiona no mapa da movida viguesa. O espazo escollido para o evento non podería ser outro que a península se Santa Marta, enclave ideal para contextualizar os anos 80 baioneses, debido a que é a entrada á Recta de Baiona.

Máis de seis horas de música, desde as 18:30 ata a 1:00A.M aproximadamente, trasladarán a todas as persoas que se acheguen a gozar da música dos 80’s. Unha alternativa de lecer segura xa que o aforo estará supervisado con control de presenza. Unha ferramenta que permitirá mostrar o aforo en tempo real.

O cartel do festival compóñeno “El Norte”, “The Refrescos”, “Tenesse”, “Los Limones”, “El Capitán Inhumano”, “Trogloditas” e un Dj dos 80’s.