Unha empresa de Nigrán consegue alongar a conservación de alimentos sen empregar químicos nin aditivos

GTG Ingenieros, empresa especializada en Seguridade Industrial con máis de 20 anos de experiencia no sector e instalada no polígono empresarial de Porto do Molle, en Nigrán, presenta TUViC, un túnel de tratamento mediante luz ultravioleta tipo C (UV-C) orientado ao sector alimentario, que alonga a conservación de produtos naturais como pans ou froitas, sen necesidade de usar substancias químicas nin aditivos.

Os consumidores españois, preocupados por seguir unha alimentación saudable, demandan cada vez máis produtos orgánicos e ecolóxicos, libres de tratamentos. Con todo, canto máis natural é o produto, máis curta é a súa vida útil, feito que supón un desafío para a industria. A solución patentada por GTG Ingenieros é un túnel de tratamento para alimentos mediante unha exposición controlada a luz ultravioleta, coa que se consegue alongar a vida útil dos produtos sen utilizar químicos e aditivos e sen alterar as súas características físicas e organolépticas. O tratamento que realiza TUViC sobre os alimentos está comprobado cientificamente e é eficaz contra fermentos, bacterias, esporas, virus, algas e outros posibles microorganismos presentes nos alimentos.

“Todos os mofos, fermentos, bacterias e virus testeados ata a data responden á luz UV e son desactivados coa exposición e a dose adecuada. Ademais, as aplicacións son moi numerosas. A tecnoloxía de TUViC é eficaz, por exemplo, para tratar fariñas de peixe e algas deshidratadas, ingredientes moi utilizados na industria alimentaria”, explica Pedro García-Trejo González, conselleiro delegado da empresa, que engade: “Para o cálculo dos parámetros de funcionamento do túnel TUViC tivemos en conta variables tan importantes como a potencia de irradiación, a distancia máxima e a dose necesaria de enerxía UV-C para desactivar os microorganismos”.

O túnel de tratamento UV-C conta cunha xestión completamente automática para a monitoraxe de cada ciclo de exposición de radiación UV-C, o que garante a dosaxe adecuada en cada alimento. Dispón dunha pantalla táctil de mando de funcionamento sinxelo e intuitivo. Ademais, incorpora un control automático dos ciclos de aceso e apagado da máquina e das súas horas de funcionamento, o que permite calcular a vida útil das lámpadas e emitir os avisos correspondentes para a súa substitución.

TUViC, deseñado e fabricado por GTG Ingenieros, ten unhas dimensións aproximadas de 3 x 0,5 x 0,9 metros, aínda que é totalmente personalizable para adaptarse e satisfacer as necesidades particulares de calquera cliente, segundo explica a compañía.

De fabricación 100% española, TUViC conta cunha patente concedida pola Oficina Española de Patentes e Marcas do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital a GTG Ingenieros e tamén coa certificación da Comunidade Europea de seguridade. TUViC cumpre con todas as directivas de aplicación nesta materia e a especificación UNE 0068, que regula os requisitos de seguridade para aparellos UV-C e UNE-EN SO 22000:2108 de sistemas de xestión da inocuidade dos alimentos.