O persoal da Área Sanitaria de Vigo mostra a súa visión deste ano de esperanza da Covid 19 a través de fotografías

O xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, presidiu hoxe a entrega de Premios do VI Concurso de Fotografía do Persoal da Área de Vigo aos gañadores deste certame, que este ano tiña como temática “Covid19: o ano da esperanza”.

O primeiro premio foi para M.ª Carmen Pellitero Ramilo, TCAE do Meixoeiro pola súa fotografía “Pasa pa fóra”; o segundo, recaeu no neurocirurxián Pedro Miguel González Vargas, por“Alegoría dun futuro próximo” e o terceiro en María Gómez Gómez, supervisora das Unidades de Hospitalización de Traumatoloxía e Cirurxía Plástica, por “Liberación” .

Este concurso, enmarcado no conxunto de actividades conmemorativas do VI Aniversario do Hospital, tivo un xurado composto por profesionais cualificados, como Alfonso Lubián e os tres responsables de fotografía dos periódicos locais: Ricardo Grobas do Faro de Vigo; Mercedes Moralejo da Voz de Galicia; e Jorge Landín do Atlántico Diario.

Ademais dos tres premios o xurado realizou unha selección de fotografías para a realización dun vídeo así como as finalistas para ser expostas no hospital. Despois da entrega de premios, inaugurouse a Exposición das seleccionadas na área de consultas externas.