Baiona informa sobre o programa de viaxes do Imserso para a tempada 2021-2022

O Concello de Baiona, a través da súa Concellería de Servizos Sociais, que xestiona a edil Concepción Vara Rodríguez, informa que mañá 1 de xullo ábrese a inscrición para presentar as solicitudes para participar no Programa de Turismo do Imserso para a tempada 2021-2022. As viaxes do programa de turismo do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) poderanse solicitar ata o próximo 30 de xullo, segundo publica hoxe o Boletín Oficial do Estado (BOE).

Desde o Concello de Baiona infórmase que todas aquelas persoas interesadas en acudir a tratamentos a través do programa de turismo subvencionado polo IMSERSO poden solicitar información acerca do programa e o formulario de solicitude a través do departamento de Servizos Sociais do Concello. O programa ofrece destinos nas costas das comunidades de Cataluña, Andalucía, Murcia e a Comunidade Valenciana, así como nas zonas costeiras das comunidades insulares.

Tamén oferta viaxes de turismo de interior, con estancias de entre 4 e 6 días en circuítos culturais, para practicar turismo de natureza, en capitais de provincia e nas cidades autónomas de Ceuta e Melilla. Os prezos van desde os 115,98 euros que custa o programa de capitais de provincia durante 3 noites aos 405,53 euros da estancia de 9 noites nas illas Canarias. Para quen proceda dalgún país de Europa, os prezos oscilan entre os 302,51 euros dos paquetes de turismo de interior e os 455,81 euros das costas peninsulares e das illas Baleares.

No prezo inclúese aloxamento en cuarto dobre a compartir, con suplemento se se trata de cuarto individual, pensión completa, excepto nas capitais de provincia onde será media pensión, e transporte. Para calquera información pódense poñer en contacto co departamento de Servizos Sociais do Concello de Baiona a través do teléfono 986385926 en horario 9:00 a 13:00. Tamén nas propias instalacións municipais situadas na planta baixa do edificio no mesmo horario.

A información e o formulario de solicitude de participación no programa de turismo do Imserso tempada 2021-2022 atópase dispoñible na páxina web do Concello de Baiona www.baiona.gal.