A Universidade de Vigo súmase ao 54º Rallye Rías Baixas

O 54º Rallye Recalvi Rías Baixas, puntuable para a nova Copa de España de Rallyes de Asfalto – Recalvi terá como centro neurálxico o campus da Universidade de Vigo. Alí situarase este ano, o parque de traballo e a dirección da proba. A Escudería Rías Baixas buscaba un espazo amplo, onde equipos e organización puidesen traballar igual de cómodos que o fixeron nas inmediacións de Samil en anos anteriores; emprazamento que se facía inviable ocupar nesta edición ao coincidir coa tempada estival. E desde que se expuxo a opción do CUVI só atopáronse facilidades por parte dos membros desa institución. As asistencias ocuparán as inmediacións da zona deportiva do campus e as oficinas do rallye situaranse na zona comercial.

Esa non é a única novidade que presentará o 54º Rallye Recalvi Rías Baixas, previsto para os días 23 e 24 de xullo. Unha das principais arterias do centro da cidade de Vigo como é a Rúa Policarpo Sanz, acollerá o parque pechado, o reagrupamento entre as dúas pasadas ao tramo urbano de O Castro da primeira xornada e o podio final onde se homenaxeará aos vencedores o sábado 24 de xullo. É un emprazamento que busca implicar aínda máis á cidade olívica coa proba.

Mesmo formato de competición

No que ao formato de competición refírese, a volta do Rías ao nacional seguirá un patrón similar ao que presentou na súa 53ª edición. O venres os participantes darán dúas pasadas ao tramo urbano de O Castro (ás 17:08 horas e ás 19:22 horas) contando, despois de cada especial, cun parque de traballo na Universidade de Vigo e un reagrupamento en Policarpo Sanz. A xornada finalizará pasadas as 21 horas coa chegada dos participantes ao parque pechado de Policarpo Sanz.

Xa na segunda xornada, os equipos sairán do centro de Vigo para realizar unha asistencia de 10 min no CUVI e, posteriormente, acometer a primeira sección do día (formada polos tramos de Vigo-Nigrán, Gondomar-Porriño e Salceda). Tras pasar por un reagrupamento en Porriño, os equipos que sigan en carreira regresarán ao parque de traballo e volverán facer o mesmo bucle de tramos. Para a tarde quedará un novo reagrupamento en Porriño (16:10 horas) e as dúas últimas especiais (Vigo-Nigrán e Gondomar-Porriño). A chegada do primeiro participante ao parque pechado final de Policarpo Sanz está prevista para as 19:45 horas.