O Álvaro Cunqueiro acada a súa madurez no seu sexto aniversario

Hoxe hai seis anos que o Hospital Álvaro Cunqueiro abrira as súas portas e atendera ao primeiro paciente. Neste tempo o hospital realizou unha actividade asistencial cuantificada en195.181 ingresos, 70.638 intervencións cirúrxicas, 974.263 urxencias, e 2.198.639 consultas externas; ademais de traer ao mundo a 19.975 bebés.

Segundo o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente “estas cifras dan mostra da capacidade deste hospital, xa que grazas a súa estrutura, flexibilidade e ao excelente traballo e compromiso dos profesionais, conseguiu ofrecer unha resposta eficaz fronte a pandemia ao tempo que se mantiña nuns niveis axeitados o resto da actividade asistencial”.

Neste momento pódese dicir que o Álvaro Cunqueiro ten consolidada a súa madurez, posicionándose á vangarda dos principais hospitais de España, onde xa tense convertido nun referente nacional.

Alta tecnoloxía e nova organización

Ademais das cifras de actividade, a implantación de alta tecnoloxía é outro dos elementos que mellor define a posición de vangarda en que se atopa o Hospital Álvaro Cunqueiro.

Equipos da área cirúrxica como o TC Intraoperatorio ou o quirófano hibrido colocan ao centro hospitalario no “top” nacional de determinados procedementos e tratamentos cirúrxicos.

Do mesmo xeito, cabe subliñar o seu laboratorio de Microbioloxía, hoxe en día referente nacional na loita fronte ao Covid, ou os equipos de alta tecnoloxía de imaxe diagnóstica de última xeración. Estes novos equipos tecnolóxicos foron da man de importantes cambios organizativos e asistenciais, creándose Unidades específicas para determinadas patoloxías, como a do Ictus, Sono, Ortoxeriatría, Xenética, Demencias, Coidados Respiratorios Intermedios ou a de Imaxe Cardíaca, entre outras, e que fixeron posible a introdución de maiores prestacións e técnicas innovadoras na carteira de servizos hospitalaria.

Posta en marcha de procedementos pioneiros na pandemia

Mención especial merece a crise da pandemia da Covid19, un período no que o centro hospitalario demostrou a súa fortaleza e a súa capacidade, converténdose nunha referencia, xunto co resto da Área Sanitaria, na loita contra o virus.

A propia estrutura da Área Sanitaria permitiu establecer circuítos diferenciados e específicos para pacientes con sospeita da enfermidade naqueles servizos máis críticos como Urxencias, UCI, REA, plantas de hospitalización de COVID ou laboratorios; sen descoidar a atención a pacientes con outras patoloxías non relacionadas co virus – oncolóxicas, diálises, traumatolóxicas, cardíacas ou psiquiátricas – aínda que cambiando o modelo de atención cara ao non presencial, a través de teleconsulta, das consultas telefónicas ou TELEA, e priorizando a actividade cirúrxica a aquela que non admitía demora.

Ademais, esta estrutura xunto cos avances en dotacións tecnolóxicas dos últimos seis anos facilitaron a posta en práctica durante a pandemia de procedementos pioneiros en Galicia e en España, que posteriormente foron adoptados noutros centros hospitalarios.

Algúns deses casos foron, sen dúbida, os “Covid-Auto” ou o chamado Pooling, proceso do agrupamento de análise de mostras PCR, que posibilitaron incrementar a capacidade diagnóstica da Área.

Tamén este hospital foi o primeiro de España no que os fisioterapeutas e logopedas realizaron nas mesmas Unidades de Críticos as súas intervencións, para facilitar a rápida recuperación dos pacientes.

Neste contexto, cabe subliñar tamén a creación da Unidade Postcovid, de seguimento de pacientes que padeceran a enfermidade.

Máis de un millar de alumnos en formación

O Álvaro Cunqueiro tense convertido nun hospital atractivo para que os futuros profesionais da sanidade elixan Vigo para a súa formación. No momento actual o hospital ten en formación a un millar de alumnos (1350), entre residentes e estudantes de distintas disciplinas sanitarias. Un salto de calidade de suma importancia ten sido o inicio, xunto coa Universidade de Vigo, do Grao de Enxeñería Biomédica.

No referido á Investigación é necesario lembrar que o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur está a piques de lograr un reto que hai 6 anos era impensable na área sanitaria de Vigo, a certificación do Instituto Carlos III, a máis prestixiosa que se outorga en España a un centro de investigación sanitaria.