Activación electrónica do Carné Xove na Omix de Baiona

Tras os retrasos para a activación do Carné Xove nos puntos presenciais de atención, xa é posible activalo por vía electrónica. A Xunta de Galicia habilitou un formulario na rede para que aqueles que reciben a tarxeta por primeira vez e non poden desprazarse ata un punto físico para activala, poidan facelo dende a súa casa, ou ben, achegarse á OMIX do Concello de Baiona, con cita previa a través do teléfono 986385921 ou o correo xuventude@baiona.gal para facelo.

Se a activación se fai a través da rede, deberán cubrir un formulario cos seus datos. Posteriormente recibirán o código de identificación EYCA (European Youth Card) no seu correo electrónico, que deberán anotar manualmente na tarxeta, no apartado número de carné. É preciso destacar que este número de identificación, persoal, é necesario para desfrutar das vantaxes que ofrece este carné tanto na comunidade galega como en España ou nos resto de países da Unión Europea.

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia está a enviar aos máis de 400.000 mozas e mozos galegos de entre 12 e 30 anos esta tarxeta de xeito gratuíto aos seus fogares. O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, anima a todos os mozos e mozas da vila a facer o Carné Xove para poder aproveitar todas as vantaxes que ofrece.