Maica Larriba anuncia unha maior vixilancia da seguridade de cara a temporada estival

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe a celebración da Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron as cifras de delincuencia e infraccións penais rexistradas na provincia durante os primeiros seis meses do ano. Acudiron ao encontro os máximos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Pontevedra, como son o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, o capitán xefe do subsector de tráfico da Garda Civil en Pontevedra, Antonio Pérez Piteira, a comisaria provincial do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra, Estíbaliz Palma, e o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Juan José Díaz.

Os responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado compartiron coa subdelegada do Goberno os datos de infraccións penais rexistrados na provincia do 1 de xuño ao 23 de xuño. Uns datos que evidencian, a nivel provincial e se os comparamos co mesmo período do ano 2019 -xa que as restricións impostas no 2020 impiden unha correcta comparación interanual-, unha baixada do 20 % dos delitos contra o patrimonio, tales como os roubos en vehículos, establecementos e vivendas. No que vai de mes, produciuse un descenso xeral das infraccións penais do 9%.

Non obstante, atendendo ao acumulado do ano e comparándoo co 2019, a subdelegada alertou do incremento rexistrado nos delitos de malos tratos no ámbito familiar e das pequenas lesións por discusións e rifas. Larriba informou tamén de que durante este período descenderon os roubos con forza nun 30% e os delitos contra o patrimonio nun 7%-. A pesares destes datos, o cómputo global de infraccións penais rexistra nos primeiros seis meses do ano un aumento do 15%.

Por outra banda, a subdelegada sinalou o lixeiro descenso das estafas a través de Internet rexistrado no que vai de xuño e en comparativa co mes anterior, “xa que se reduciron nun 15%, tanto as estafas graves como as leves”. Aínda así, Larriba destacou que durante o 2021 este tipo de delitos creceu nun 60 % en comparación a 2019. A este respecto, os responsables policiais informaron de que se detecta certa estabilización da curva de incremento que se viña rexistrando no último período. Deste xeito, durante os momentos de maior consumo, como poden ser o Nadal ou as rebaixas, constátase un maior número de denuncias, que se modera nos meses restantes. Neste sentido, Larriba quixo facer un chamamento á poboación, “xa que nestes días comezan os saldos de verán e é moi importante extremar a precaución á hora de facer as nosas compras por Internet. Comprobar que estamos ante unha web segura é fundamental antes de facer calquera pago”.

Os responsables da Garda Civil ofreceron tamén os resultados provinciais da última campaña nacional de especial vixilancia do consumo de alcohol e drogas ao volante que se levou a cabo entre o 17 e 22 de xuño. En total, realizáronse 5.866 test de alcoholemia que arroxaron 96 casos positivos, deixando unha taxa de incidencia do 1,6 %. No tocante aos controis de drogas, na provincia efectuáronse 300 controis a condutores, dos cales 92 deron positivo.

Especial vixilancia da seguridade durante o verán

Así mesmo, a subdelegada do Goberno coordinou xunto aos principais responsables da seguridade da provincia a campaña estival. Neste sentido, Larriba anunciou que “se reforzarán, na medida do posible, o número de efectivos, sobre todo da Garda Civil, naquelas localidades más turísticas”.

A subdelegada advertiu de que os axentes levarán a cabo durante os meses de xullo e agosto un especial control dos aforos e do tráfico, prestando atención ás zonas de praia. Así mesmo, ante a previsible reanudación das celebracións das festas patronais e locais, Larriba avisou de que os efectivos da Forzas e Corpos de Seguridade tamén velarán pola seguridade neste tipo de eventos.

A subdelegada informou tamén das dotacións coa que contarán os equipos de Tráfico da provincia. “Un helicóptero, drons, vehículos industriais e diferentes turismos velarán pola seguridade das nosas estradas”, explicou.

Por último, Larriba detallou que durante o mes de agosto contarase con efectivos da Garda Nacional Republicana (GNR) portuguesa nas localidades de Sanxenxo e Vigo. A subdelegada adiantou que “ante a previsible chegada de numerosos turistas do país veciño, os axentes portugueses integrarán patrullas conxuntas con efectivos da Garda Civil e da Policía Nacional en ambas cidades”.