A Xunta destina 24.600 € á contratación de 8 socorristas para as praias de Baiona e Nigrán

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou hoxe que o Executivo autonómico apoiará a contratación de 24 socorristas con preto de 71.000 euros para traballar nos meses de xullo e agosto en seis concellos da área territorial de Vigo.

Deste xeito, explicou a Administración galega colabora coas entidades locais para garantir, mediante a contratación destes profesionais, a seguridade en praias e piscinas durante a tempada de verán. Cómpre sinalar que, en todo caso, son os concellos os que teñen a competencia para realizar directamente os contratos.

Atendendo ao reparto por municipios, Moaña e Redondela, aos que se destinan 18.000 euros por concello, contarán con seis cada un; mentres que se asignan dous a Mos e a Pazos de Borbén por importes de 6.400 e 3.947,40 euros respectivamente. Por último, na Mancomunidade de concellos do Val Miñor (Baiona e Nigrán) a Xunta financia con 24.609,36 euros a contratación de 8 socorristas.

Esta axuda, segundo apuntou a delegada, que permite contratar a persoal para a vixilancia e seguridade das praias e piscinas, supón ademais unha oportunidade para as persoas desempregadas de adquirir unha experiencia laboral, redundando así na empregabilidade e facilitando a súa inserción no mercado de traballo.