O nadador do Club Natación Pabellón de Ourense, Marcos Vila Cid, impúxose na XIII edición da travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán no percorrido de 4.000 metros, cun tempo de 00:50:18. Vila Cid, gañador na pasada edición, chegou a meta por diante do nadador do Club de Natación Ciudad de Santiago, David Rodríguez Lago (00:51:16), e o nadador Roque Oca Pernas (00:52:33). Na categoría feminina, a vencedora na distancia de 4.000 metros foi a nadadora Rita Hernández Alfageme, cun tempo de 01:02:36. En segunda posición, impúxose a nadadora Anais Rivas Torres (01:03:05), completando o podio Alba Varela Fernández, cun tempo de 01:07:54.
Na categoría sen neopreno na proba de 4.000 metros impúxose o nadador brasileiro José Eduardo do Amaral Ferreira (00:58:59), seguido de Jesús Carlos Quintas Barros (00:59:08) e Gerardo Collazo Esmorís (01:00:10). Na categoría feminina, gañou Vanesa Rodríguez Pérez (01:11:49), por diante de Marta Abreu Fernández (01:29:43). Neste percorrido, participaron preto de 150 nadadores. Na proba de 2.700 metros, con máis de 100 nadadores, o vencedor na categoría masculina foi Erick García Muggia (00:40:52), seguido de Javier Sío Simón (00:43:04) e Daniel Martín (00:43:23). Na categoría feminina impúxose a nadadora Inés Borge Juste (00:39:17), por diante de María González Rodríguez (00:39:34), e Marta Barbeito (00:43:00).
Na categoría sen neopreno na proba de 2.700 metros impúxose Diego Alonso Novoa (00:50:13), por diante de Rubén Gulias (00:55:02) e Javier Alonso Mouriño (01:02:00). Na categoría feminina gañou Carina Diéguez Varela (01:05:31). No percorrido de 800 metros gañou o nadador Jesús Patiño Ríos (00:10:41), seguido de André Rendo Rey (00:10:53) e Jeyden Silva Guerrero (00:11:10). Na categoría feminina, proclamouse gañadora Uxía Fernández López (00:13:04), superando a Lucía Taboada Codesido (00:14:21) e Iria Fernández Fernández (00:14:35). Esta proba disputouse en paralelo á costa, e contou con preto dun centenar de participantes.
Así mesmo entregáronse premios especiais ao primeiro nigranés (José Villacieros), ao nadador máis novo (Jeyden Silva Guerrero) e máis veterano (Manuel Cruces Prado).
Máis de 400 nadadores participaron este domingo na XIII edición da Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán, que reuniu en Praia América a nadadores de 7 comunidades autónomas (Galicia, Madrid, Cataluña, Castela-León, Asturias, Canarias e País Vasco), ademais de participantes de Brasil e Portugal, con idades comprendidas entre os 4 e 79 anos (Manuel Cruces Prado foi o nadador máis veterano). Nesta edición, a participación das mulleres superou o 35% do total, a maior cifra de todas as edicións, e nadaron máis de 60 nenos con idades entre os 4 e 13 anos nas probas infantís de 50 e 150 metros, tamén o maior rexistro ata a data. Tras doce edicións, a travesía a nado Costa Serena consolidouse como a proba de natación popular con maior participación de toda Galicia.
Entre os nadadores que participaron na proba destacou a presenza da paratriatleta viguesa, campioa de Europa e do Mundo, Susana Rodríguez Gacio, acompañada polo seu adestrador, Luis Piña. Tamén acudiu o nadador brasileiro José Eduardo do Amaral Ferreira, que se impuxo na proba de 4.000 sen neopreno, e ostenta o título de récord Guinness por ser o nadador máis rápido en percorrer a travesía máis longa de Brasil, Leme-Pongal-Leme, completando os 72 quilómetros en augas abertas en 26 horas e 32 minutos.
Durante a travesía, que estivo coordinada pola Asociación Búsqueda y Salvamento de Galicia, despregouse un amplo dispositivo de seguridade formado por embarcacións de Protección Civil do Val Miñor e Vigo, Garda Civil do Mar, kaiaks do Club Marítimo de Panxón e pádel surf de Shafire Ladeira Beach Club, entre outros. Todos os participantes puideron gozar dun aperitivo (marmitako) ao finalizar a travesía no Club Marítimo de Panxón, grazas ao patrocinio de Atunlo, e ademais sorteáronse máis de 40 agasallos entre todos os nadadores.
Percorridos
Na travesía disputáronse tres percorridos de 4.000, 2.700 e 800 metros, e o neopreno foi optativo en todas as distancias. O percorrido longo consistiu nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle principal de saída e entrada das embarcacións de Praia América e chegada á altura do posto de Protección Civil de Panxón. Os nadadores bordearon a baliza de Cabezo de San Juan, regresaron cara á costa polo lado sur da praia e percorreron o último quilómetro en paralelo ao areal. O percorrido de 2.700 metros tivo o mesmo punto de saída que a proba de 4.000 metros. Consistiu en ir ata o faro de Cabezo de San Juan, bordealo e regresar ao momento de meta polo lado dereito. Na proba de 800 metros, que se disputou en paralelo á costa, a saída estivo situada tamén na canle principal de Praia América e a chegada foi no mesmo punto que as probas de 4.000 e 2.700 metros. Ademais, celebráronse dous percorridos de curta distancia de carácter non competitivo para nenos de entre 5 e 13 anos, moi preto da beira. Houbo unha distancia de 50 metros (5 e 8 anos) e outra de 150 metros (9 a 13 anos). En ambas as dúas probas participaron máis de 60 nenos.










