Produtos da horta galega como a verza ou os grelos melloran o estreñimento

FOTO: HORTAGALEGA.EU // Brócoli.

As cremas baseadas en produtos da horta galega como o brócoli, a verza ou os grelos contribúen a mellorar os problemas de estreñimento crónico asociado á poboación maior de 70 anos, que son causa das principais queixas entre as persoas maiores e unha das patoloxías con maior impacto económico no sistema sanitario, ao provocar continuas consultas nos centros de saúde e aos especialistas.

Este é unha das conclusións presentadas hoxe pola Dra. Lizette Valenzuela, do equipo de hospitalización a domicilio de Ribera Povisa, na xornada de presentación final de resultados do proxecto Alimentos Horta Galega para Vellez Saudable – AHGAVES-, no que ademais de Povisa participaron Galifresh, Ecocelta, Anfaco, Agacal, Sigma Biotech e Horsal, co apoio de Gain e de fondos Feder.

O obxectivo do proxecto foi desenvolver cremas vexetais de alto valor organoléptico e nutricional a partir de materias primas da horta galega e suplementarlos con algúns ingredientes funcionais para obter produtos dirixidos á poboación maior. Así, deseñáronse nove cremas de verduras de tres sabores distintos. As cremas estiveron baseadas en acelgas, cun contido máis elevado de fibra, e en fabas de Lourenzá, máis elevado en potasio. Ademais, as cremas contiñan, en distintas proporcións, grelos, verza, brócoli, cabaza, nabicol e caupí, unha variedade de xudía.

Para realizar o estudo, Povisa seleccionou en residencias xeriátricas do Vigo e a súa comarca a unha poboación de 160 persoas maiores de 70 anos, que participaron voluntariamente no proxecto. A pesar das dificultades propias da pandemia no avance do estudo, o traballo clínico levado a cabo por Ribera Povisa logrou concluír de forma inequívoca que as cremas baseadas en fabas/brócoli, faba/verza e faba/grelos, aumentan o ritmo intestinal e facilitan a evacuación das deposicións, reducindo ao mesmo tempo a toma de fármacos laxantes, que o mesmo tempo teñen o risco de interactuar de forma negativa con outros fármacos, o cal é habitual en persoas polimedicadas, como adoitan ser as maiores.

O estudo demostrou, ademais, que estas cremas baseadas na faba, os grelos e a verza non afectaron os parámetros de control dos pacientes que teñen que tomar anticoagulantes. A vitamina K procedente dalgúns vexetais de folla verde altera estes parámetros, que precisan dun seguimento estreito, pero en cambio o estudo concluíu que non ocorre así con estes produtos da horta galega.

Outro dos resultados do proxecto é que durante o tempo de estudo a deterioración funcional dos voluntarios detívose. Neste punto, a Dr. Valenzuela apuntou non obstante que se necesitaría máis tempo para determinar de forma concluínte que esta dieta produciría unha estabilización definitiva ou mesmo unha mellora lenta da actividade funcional.