O Alcalde de Gondomar destaca o espírito emprendedor das novas xeracións

O alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP Serra Vincios entregou este luns o 60% da porcentaxe recadada pola cooperativa “CoopeVincios” que xestionan durante o curso escolar ao Concello de Gondomar, concretamente para o servizo do banco de alimentos municipal.

Paco Ferreira agradeceu o xesto dos mozos e mozas que “demostran que levan o espírito emprendedor que caracteriza o noso municipio no seu interior” e animoulles a seguir por ese camiño “porque sodes un futuro moi prometedor, implicados coa vosa comunidade e o voso municipio”.

Ofreceu a axuda do Goberno local a esta cooperativa “tan didáctica e especial” así como a proxectos educativos similares que se poñan en marcha porque “é tamén unha obrigación das administracións investir e apoiar a educación das novas xeracións, cada día máis sensibilizadas e referentes para a sociedade”.

A directiva da cooperativa estudantil explicou a Paco Ferreira as dificultades que este ano tiveron á hora de vender os seus produtos debido á pandemia. Aínda así, as súas creacións, sempre respectuosas co medio ambiente e este ano coa música como fío condutor, chegaron a veciños e familiares logrando unha boa recadación da que un 60% se destinará “ás familias máis necesitadas de Gondomar, que tras estes dous anos difíciles hai moitas que o están a pasar mal”.

O alcalde confía en que pronto se superen todas as restricións e que o posto de “CoopeVincios” participe nos diferentes eventos ou feiras que se poidan celebrar de cara ao próximo ano. Lembrou “que calquera idea emprendedora sempre terá apoio do noso goberno, e máis cando apostan por iniciativas que, como neste caso, promoven a cooperación e a aprendizaxe sen esquecer o aspecto solidario”.

Paco Ferreira destacou, por último, a importancia deste tipo de iniciativas, que se desenvolve no marco do programa “DepoEmprende Educación” da Deputación, porque “potencian valores tan importantes como o emprendemento, a convivencia ou a creación, entre outras moitas competencias”.