Anuncios
Ticker de novas

Marine Instruments lidera o ránking ARDÁN “Empresas Intelixentes de Galicia”

Coñecer que empresas son capaces de combinar con intelixencia estratexia corporativa, organización, xestión e compromiso social é o obxectivo do estudo que esta mañá presentou o delegado de Zona Franca, David Regades, co profesor da cátedra ARDÁN da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Vázquez. Como explicou Regades, “o resultado deste informe é un ránking das 25 empresas mellor posicionadas en Galicia que ARDÁN denomina Empresas Intelixentes”.

O informe que hoxe se presentou introduce propostas orixinais e novas xa que ARDÁN denomina Empresas Intelixentes ás compañías que mellor combinan a súa capacidade de negocio coa de xerar no futuro un crecemento económico sustentable e inclusivo. Ademais, como expuxo Regades, por primeira vez nun estudo destas características económicas, o método para o tratamento dos datos utiliza para a análise do desempeño corporativo un enfoque matemático similar ao recomendado pola OCDE para outros campos de avaliación de países ou rexións.

O Delegado destacou que “este informe que hoxe presento é unha boa proba de que en Galicia existen empresas que son capaces de manexar dunha forma eficaz todas estas variables, son empresas súper eficientes que compoñen o máis selecto do noso tecido empresarial” dixo.

Ao abordar conxuntamente as melloras progresivas na xeración de valor económico e, ademais, facelo atendendo equilibradamente ás demandas dos grupos de interese que condicionan a súa sustentabilidade a longo prazo, as empresas poden reducir os seus propios riscos, facer da súa actividade un negocio máis resiliente, e mellorar simultaneamente calquera indicador financeiro.

“Facelo ben, facéndoo correctamente” nunca fora tan importante diante de retos como o cambio climático, as disrupcións sociais que está a provocar xa a innovación tecnolóxica, ou as aspiracións cidadás en sociedades avanzadas por garantir a igualdade de oportunidades. “En Zona Franca, cremos que este é o único eixo do sostemento competitivo da empresa no longo prazo” terminou dicindo o delegado antes de dar a coñecer a listaxe das 25 empresas mellor posicionadas no ranking de Empresas Intelixentes.

Como explicou o profesor X.H. Vázquez as empresas máis intelixentes: proporcionan unha rendibilidade para o accionista case 5 veces máis alta que a media do seu sector; ofrecen un 63% de remuneración adicional aos seus traballadores comparado coa media dos seus sectores; dedican máis ou menos a I+D+i 3,5 veces máis que as seguintes 25 empresas: un 3,7% da súa facturación; destinan en media ao mercado internacional o 33% das súas vendas; unhas 7,5 veces máis que as seguintes 25 empresas; mostran un maior compromiso coa igualdade de xénero na xestión do talento: o 35% do equipo directivo das empresas máis intelixentes son mulleres e mostran unha produtividade do carbono moito máis elevada: xeran 8,4 veces máis de valor engadido por tonelada de CO2 que a media dos seus sectores.

ARDÁN é un dos servizos máis singulares de Zona Franca. É a área encargada de prover ao tecido empresarial galego de estruturas de coñecemento. Ao longo dos 25 anos de vida de ARDÁN xeráronse bases de datos, informes e indicadores cuxa utilidade transcende os obxectivos estritamente empresariais para penetrarse mesmo no perímetro de interese dos deseñadores de políticas públicas.

2019-02-28 - cfoioekogedehaib

Anuncios