A incubadora High Tech Auto celebra o seu Startup Day en Porto do Molle

Un total de 26 proxectos de toda Galicia presentáronse á segunda edición da incubadora de proxectos da automoción High Tech Auto, que celebrou o seu Startup Day no Centro de Negocios de Zona Franca en Porto do Molle, en Nigrán. O delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca, David Regades; e o alcalde de Nigrán, Juan González, inauguraron a xornada acompañados polo director de Competitividade do Igape, Norberto Penedo; e a directora de proxectos Feder de Incyde, Natalia Vázquez. Tamén asistiron responsables de Ceaga, CTAG e Grupo Stellantis.

Nesta segunda edición, a incubadora conseguiu atraer unha maior diversidade de proxectos da automoción, que van desde a bioagricultura aplicada ao sector, ata ideas tecnolóxicas ou novos modelos de negocio. Os proxectos proceden de toda Galicia e por primeira vez hai tres proxectos liderados por mulleres.

O delegado do Estado, David Regades, animou aos promotores dos proxectos, porque “o sector de automoción de Galicia necesítavos. E tendo en conta que a do automóbil é unha das industrias máis importantes de Galicia, a comunidade no seu conxunto necesítavos”. Tamén sinalou que coa High Tech Auto “somos o instrumento de colaboración e cooperación que cumpre un propósito de gran importancia: o de levar á industria de automoción e compoñentes os últimos avances en tecnoloxía e innovación que se atopan aínda en fases temperás”.

Nunha primeira selección, dos 26 proxectos presentados, son 15 os que chegaron ao Startup Day. Nesta fase avalíanse as competencias dos promotores para demostrar as súas calidades de liderado, multidisciplinariedade, creatividade, comunicación, negociación e traballo en equipo. Finalmente, só 10 conseguirán completar o ciclo de incubación.

Promovida pola Zona Franca de Vigo, a Xunta de Galicia a través do Igape, e cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco dos programas de apoio da Fundación Incyde, a High Tech Auto é a primeira incubadora de alta tecnoloxía que desenvolve a súa actividade en Galicia. A súa finalidade é favorecer a incubación de ideas e proxectos tecnolóxicos en fase semente para validalos e transferilos ao sector da automoción e os seus compoñentes.

O programa de incubación ten unha duración de 12 meses e os seleccionados terán acceso a financiamento, formación e titorización, obradoiros de innovación e de internacionalización, uso dos espazos físicos da incubadora e dun laboratorio de fabricación, e eventos de networking.

Para a Zona Franca é tan importante o apoio ao ecosistema de automoción que vai construír un edificio, o World Car Center (WCC), onde se aloxarán a incubadora HTA, a aceleradora BFA e os centros tecnolóxicos do automóbil. O WCC vai ser un edificio icónico situado en fronte do polígono de Balaídos.