Axentes da Policía Nacional e da Garda Civil, no marco da operación conxunta Fleming-Botica, levada a cabo de forma simultánea nas localidades de Vilagarcía de Arousa, Marín, Lorca e Córdoba desarticularon unha organización dedicada á venda ilícita de fármacos falsificando para iso as receitas polo que se lles imputa ademais falsidade documental.
A operación desenvolveuse de forma simultánea en catro localidades, os axentes detiveron a catro persoas en Vilagarcía de Arousa, Marín, Lorca e Córdoba e efectuáronse catro entradas e rexistros nas catro localidades nos que se interviñeron múltiples fármacos, substancias estupefacientes, 30.000 euros en efectivo e equipos informáticos.
Colaboración cidadá
A investigación iniciouse grazas á colaboración cidadá tras unha denuncia anónima interposta a través da páxina Web da Policía Nacional: www.policia.es na que alguén afirmaba ser abordado por unha muller que lle ofreceu a posibilidade de obter todo tipo de medicamentos de forma ilegal e a modo de “comercial” de calquera empresa chegou mesmo a entregarlle unha tarxeta co teléfono de contacto por se no futuro tivese interese. O prezo dos medicamentos oscilaba entre os 50 e os 180 euros.
Ao mesmo tempo no posto da Garda Civil de Baiona-Nigrán recibíase unha denuncia polos mesmos feitos, nela unha persoa declaraba comprar medicamentos a través da mesma páxina Web sen recibilos en ningún momento.
Os axentes policiais por mor da denuncia iniciaron as investigacións e obtiveron a páxina web onde esta muller ofrecía todo tipo de medicamentos de forma ilegal a través dun foro que compartía cos seus potenciais clientes.
Vendía todo tipo de medicamentos sen prescrición médica
Os axentes tras efectuar a pertinente comprobación na Axencia Española do Medicamento concluíron que todos os medicamentos que esta muller ofrecía á venda a través da súa páxina Web están suxeitos a prescrición médica e algúns deles son substancias estupefacientes suxeitos á fiscalización internacional.
Entre as diferentes maneiras de facer provisión de medicamentos para vendelos a terceiros por parte da organización destaca a manipulación dixital de receitas expedidas a nome dun dos membros da organización aproveitando un tratamento médico que estaba a seguir. Este membro da organización modificaba datas, nomes de facultativos, omitía datas e cambiaba continuamente de farmacia para levar a cabo a adquisición dos medicamentos.
O outro colaborador identificado na localidade de Marín era a persoa que supostamente adquiría a través da “Deep Web” (Internet profunda) os medicamentos e outras substancias estupefacientes para que a muller posteriormente os comercializara.
Catro rexistros simultáneos en diferentes localidades
Avanzada a investigación comprobouse que os integrantes contaban cunha perfecta repartición de tarefas, polo que unha vez detidos os axentes solicitaron á autoridade xudicial os correspondentes mandamentos de entrada e rexistro nos que se incautaron de gran cantidade de medicamentos de todo tipo de feito calcúlase que o valor aproximado de venda no mercado ilícito dos devanditos fármacos supera os 60.000 euros, substancias estupefacientes como haxix e marihuana, 30.000 euros en efectivo e varios equipos informáticos.
A operación conxunta foi levada a cabo pola Policía Nacional da Comisaría de Vilagarcía de Arousa, Policía Nacional de Córdoba, Policía Nacional de Lorca, Posto principal de Baiona-Nigrán da Garda Civil e nos rexistros interveu o servizo Cinolóxico da Garda Civil de Pontevedra.

