Máis de 2.200 profesionais poderán optar ao concurso de mobilidade da Área Sanitaria de Vigo

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha Resolución da xerencia da Área Sanitaria de Vigo pola que se convoca o concurso de mobilidade interna voluntaria do persoal estatutario fixo do ámbito de atención hospitalaria. Un total de 2.277 profesionais das categorías de persoal sanitario diplomado e de formación profesional, así como persoal de xestión e servizos, poderán beneficiarse desta oferta de mobilidade. O prazo de presentación das solicitudes será ata o 6/09/21.

Este concurso é consecuencia do Acordo que ven de asinarse polo xerente da Área Sanitaria, Javier Puente, e a presidenta da Comisión de Centro de Atención Hospitalaria, María José Diéguez. O seu obxecto é seguir avanzando nun dos obxectivos fundamentais na política laboral do SERGAS: mellorar a conciliación familiar dos profesionais.

O Acordo, actualiza as disposicións previstas nos Acordos anteriores e establece os requisitos de participación, baremo de méritos da convocatoria e demais circunstancias relativas ao desenvolvemento do proceso que rexe esta convocatoria.

Así, segundo recolle a Resolución da convocatoria poderán presentarse e optar aos postos convocados 742 Enfermeiros/as; 622 Técnicos/as en Coidados Auxiliares de Enfermería; 386 Celadores/as; 307 Auxiliares Administrativos/as; 80 Técnicos/as Superior en Imaxe para o Diagnóstico; 80 Técnicos/as Superior en Laboratorio de Diagnóstico Clínico; 31 Fisioterapeutas, 23 Enfermeiros/as especialistas en Saúde Mental; 3 Terapeutas Ocupacionais e 3 Logopedas.

A efectos de dar coñecemento aos profesionais da súa situación como persoal fixo con destino consolidado no CHUVI para a súa posible participación no concurso de mobilidade interna, foi publicado o pasado 18 de decembro de 2020 o censo provisional dando un prazo de 20 días hábiles para posibles reclamacións. O censo definitivo de persoal fixo con destino consolidado foi publicado o pasado 11 de marzo de 2021.

Os traballadores poden acceder en calquera momento dende o seu perfil na Intranet da Área Sanitaria de Vigo á consulta da súa situación de consolidación podendo imprimir a correspondente certificación.