O curro de Morgadáns reúne un centenar de cabalos

Este domingo o público volveu ao tradicional curro de Morgadáns. Tras celebrarse o ano pasado noutra localización e a porta pechada, o evento regresou ao chamado lugar das Fechaduras, na ladeira do Monte Aloia, na vertente orientada cara o Val Miñor. Trátase do primeiro dos curros que se desenvolven en Gondomar, e nesta edición, pasada por auga, “baixáronse” un centenar de cabalos, ao redor de 80 “burras” e unha trintena de poldros.

As tarefas comezan cando os gandeiros xuntan aos equinos na parte alta do monte, para logo baixalos ao recinto, onde entran ao “curro” ao mediodía. Tras a celebración da comida campestre, pola tarde, os “aloitadores” son os encargados de separalos para desparasitalos, marcalos, colocarlles o chip e cortarlles as crins, e posteriormente, volver deixalos en liberdade.

Esta festa, tan antiga como Galicia e coñecida como a “rapa das bestas”, repítese cada ano na primavera e verán, sendo un dos espectáculos máis xenuínos dos que se pode gozar en terras galegas. O vindeiro domingo día 27 de xuño, será a quenda do curro de San Cibrán, en Donas.


El pase de diapositivas requiere JavaScript.