Benjamí Prades outorga ao Vigo-Rías Baixas o seu primeiro título de Campión de España

O Vigo-Rías Baixas viviu este domingo na provincia de Alacante o maior día de gloria da súa historia. O club presidido por José Luis Chamorro conquistou grazas a Benjamí Prades a súa primeira coroa de campión de España Elite. O corredor catalán conseguiu unha incontestable vitoria dentro da súa categoría tras aguantar o ritmo das estrelas do pelotón profesional nas ramplas máis duras do circuíto da Nucía. Unha medalla de ouro que se suma á de prata lograda na contrarreloxo individual por Noel Martín nunha cita inesquecible para o conxunto flúor.

A carreira de fondo resultou apaixonante, unha batalla sen cuartel nun percorrido de 183 quilómetros e cuxa dureza se resume nos 4.604 de desnivel positivo acumulado. Á esixencia do terreo houbo que sumar os continuos ataques nun toma e daca que só o Astana conseguiu dominar na aproximación á liña de meta para asinar o triunfo absoluto con Omar Fraile.

Prades, que desde 2015 terminara catro veces entre os quince primeiros, era o claro favorito Elite e estivo á altura. Cando a carreira rompeu definitivamente na última subida ao Alto de Turrón Duro, a falta de 50 quilómetros para a conclusión, o pupilo de Marcos Serrano foi o único ciclista da súa categoría que resistiu no grupo dos elixidos. Coas cámaras de Eurosport en directo, a camisola do equipo flúor púidose ver en todo o planeta xunto á de equipos como Movistar, Astana, Ineos, Bahrain ou UAE Team Emirates.

Os ataques non deixaron de sucederse nun trazado con constantes repeitos. A 30 kms do final, unha quincena de ciclistas marchouse por diante e Prades optou por quedar no grupo perseguidor. O tarraconense tiña a vitoria elite no peto e a subida final afrontouna relaxado, gozando do seu triunfo.

O xefe de filas do Vigo-Rías Baixas cruzou a liña de meta no posto 20, a 5:20 de Fraile, e festexando o seu éxito. No podio recibiu a camisola rojigualda de mans do presidente da Real Federación Española de Ciclismo, José Luis López Cerrón.

Outra excepcional actuación do Vigo-Rías Baixas rubricouna Ander del Castaño, quinto clasificado Elite. Con dous corredores entre os cinco primeiros, a entidade viguesa pechou un Campionato de España memorable, o do seu primeiro título estatal.