A Xunta realizará o martes unha proba de funcionamento das sirenas de aviso á poboación da presa de Baíña

A Xunta de Galicia ten previsto realizar o próximo martes, 22 de xuño, unha activación de proba das sirenas de aviso á poboación adscritas a un total de 33 presas con Plan de Emerxencia, entre elas a de Baíña, en Baiona.

En total, durante a proba sonora activaranse máis de 70 sirenas situadas por todo o territorio. Realizarase coa colaboración dos titulares das infraestruturas: Alcoa, Endesa, Iberdrola, PHG e Naturgy (antiga Gas Natural Fenosa) e Augas de Galicia. Tamén participarán membros de Protección Civil dos concellos afectados, xunto con persoal da Confederación Hidrográfica Miño Sil.

O primeiro sinal de aviso audible será a partir das 09:00 da mañá do día 22, augas abaixo da presa San Cosmade no municipio coruñés de Cerceda, e na presa de Salas, no concello ourensán de Muíños. E a partir desa hora as probas prolongaranse ata as 16:30 no resto das presas participantes. Na presa de Baíña, no concello de Baiona, o sinal de aviso audible será ás 10:00 da mañá.

Estas probas non afectarán á actividade diaria dos veciños. En calquera caso, a poboación dos lugares nos que o aviso será audible será informada da proba e das medidas de autoprotección previstas en caso de emerxencia.

Con este exercicio, preténdense acadar dous obxectivos principais: garantir a operatividade dos sistemas e que a poboación das zonas afectadas recoñeza o son da serea de aviso de evacuación.

Aposta pola prevención

Desde a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior se quere subliñar a importancia que teñen este tipo de exercicios, xa que dan a coñecer á poboación da zona as medidas de autoprotección a aplicar en caso dunha emerxencia destas características, ademais de mellorar a coordinación efectiva entre as administracións e as empresas para garantir a seguridade na zona.