Nigrán constitúe o Consello de Participación Infantil e Xuvenil

O Concello de Nigrán avanza cara recoñecemento Cidade Amiga da Infancia (CAI) que concede o Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (Unicef) coa constitución esta semana do seu primeiro Consello de Participación Infantil e Xuvenil. Este novo órgano municipal nace para situar na axenda local os verdadeiros intereses e necesidades de cativos e adolescentes, xa que a través del poderán participar na vida política de Nigrán realizando propostas, seguindo as mesmas, pedindo información, etc. O goberno consignará xa para desenvolver todas as actividades do selo CAI unha partida orzamentaria de 10.000 €.

“É un traballo realmente ilusionante porque se trata nin máis nin menos que de situar á infancia e á adolescencia como unha prioridade da nosa política local e, sobre todo, porque serán eles mesmos os que determinen o plan de acción mediante a súa participación real na vida política local”, destaca Marina Vidal, edil de Educación e quen está levando adiante este reto integrado tamén no programa de accesibilidade “Un Nigrán para todos”.

A partir de setembro, os 21 nenos (dous por cada aula de 5º, 6º de Primaria e 1º da ESO de cada unhas das escolas públicas ou concertadas de Nigrán) reuniranse durante o curso escolar unhas decena de veces co obxectivo de trasladar todas as súas peticións ao futuro Consello Local da Infancia e da Adolescencia, órgano sectorial cuxo regulamento será levado a pleno este verán e que estará presidido polo alcalde, constando dun secretario, dous vogalías de adultos con voz pero sen voto (dous representantes de ANPAS, un de cada grupo político municipal, un técnico municipal, un concelleiro das áreas máis implicadas, un representante de “Un Nigrán para todos”) e, por descontado, todos os integrantes deste Consello de Participación Infantil e Xuvenil.

“’Un Nigrán para todos’ define o noso xeito de gobernar, queremos crear un municipio amigable, onde todos nos sintamos a gusto e representados. Trátase de facer partícipes ás crianzas e adolescentes da vida municipal de acordo a un organismo tan respectado internacionalmente como Unicef. Sería un orgullo para Nigrán obter o selo CAI e, aínda que sabemos que é difícil, estamos a poñer todo o noso empeño para logralo na próxima convocatoria, que podería ser no 2022”, explica Juan González, alcalde de Nigrán.

Adicionalmente, desde o Concello se está a traballar no diagnóstico da situación da infancia en Nigrán grazas ao departamento de Asuntos Sociais e Igualdade e a través dunha enquisa para a veciñanza e os menores. Con estes datos poderanse definir os retos, prioridades e obxectivos a medio prazo. A maiores, o goberno local constituíu xa unha mesa de coordinación interna con representantes de todas as concellerías implicadas.

UNICEF

O programa CAI foi creado por Unicef Comité Español en 2001 co propósito de promover a aplicación da Convención dos Dereitos do Neno (CDN) en pobos e cidades da xeografía nacional, forma parte á súa vez da Iniciativa Cidades Amigas da Infancia, liderada por Unicef Internacional desde o ano 2000 e no que colaboran gobernos nacionais, administracións locais, ONG… En Galicia hai 8 municipios que xa o teñen (en Pontevedra son Redondela, Porriño e Tomiño).