Nigrán acollerá a final da Superliga Galicia de Futevolei

Este venres presentouse, nas instalacións da empresa Celtamotor, patrocinador do Club Deportivo Futevolei Vigo, a nova edición da Superliga Galicia de Futevolei. Participaron no acto a tenente de alcalde da Guarda, Montse Magallanes, o concelleiro de deportes de Nigrán, José Luis Sanromán, o presidente do Club Futevolei Vigo, Germán Martínez e patrocinadores da liga.

Nesta edición, que se iniciará o 27 de xuño, a novidade principal é a incorporación das novas instalacións de fútbol praia do Concello da Guarda. Así mesmo, o Concello de Nigrán celebrará a fase final do campionato autonómico durante tres días na praia de Panxón, que incluirá partidos nocturnos.

Así, o campionato desenvolverase en catro etapas. A primeira delas, na praia de Samil o próximo 27 de xuño, celebrándose o segundo campionato puntuable nas novas instalacións do Codesal da Guarda a fin de semana do 11 de xullo. O terceiro campionato puntuable xogarase o domingo 18 de xullo nunha das praias do Salnés. A liga xógase cun formato de clasificación dividida en dúas categorías: primeira e segunda división. As parellas participantes puntuarán nos tres primeiros campionatos, tratando de clasificarse para a superfinal de Nigrán que se celebrará nun espectacular evento os días 27, 28 e 29 de agosto. Alí atoparanse os mellores xogadores que loitarán por obter o título de campión galego.

Tamén no acto, o presidente do Club Deportivo Futevolei Vigo, Germán Martínez, fixo referencia ás dificultades para a práctica de deporte que se sufriron no último ano e á mensaxe que o club quere transmitir de vida saudable e deporte, gozando das espectaculares paisaxes, gastronomía e areais das Rías Baixas, o Baixo Miño e de toda a costa galega en xeral. “Tras a cancelación da edición 2020 debido á pandemia e grazas ao apoio de todos, saímos reforzados e esperamos récord de participantes nesta edición con xogadores de toda Galicia, doutras comunidades e mesmo do norte de Portugal”, engadiu o directivo, que destacou o comportamento exemplar de xogadores e patrocinadores fronte á situación da pandemia e que apostan por un deporte que cada ano crece máis nas praias galegas.

As inscricións continúan abertas para quen queira participar nalgún dos campionatos na de club www.futevoleivigo.com e contactando a través das súas redes sociais para máis información.