O PP de Gondomar pide ao alcalde que restitúa ao seu lugar as placas de inauguración retiradas

No pleno deste xoves 7 de outubro debaterase unha moción presentada polo Partido Popular de Gondomar na que se pide do alcalde a colocación das placas de inauguración que se retiraron do Punto Limpo, o Centro de Saúde antigo e a Casa da Cultura, así como a conservación da placa dedicada ás Nais da Praza de Maio nas obras que se van acometer na Praza Rosalía de Castro.

“O pasado 6 de agosto presentamos unha instancia polo rexistro de entrada do Concello de Gondomar solicitando a reposición das placas de inauguración da Casa da Cultura e do Centro de Saúde que foran retiradas con motivo das obras realizadas en ambos edificios. A día de hoxe non se restituíron ditas placas e seguimos sen recibir contestación a estas demandas, cousa que non nos estraña dada a costume do Sr. Alcalde de Gondomar a non contestar ou facelo nun longo espazo de tempo a todas as solicitudes que por parte da oposición se presentan”, argumenta Paula Bouzós.

Afirman que queren pensar que a non colocación das placas no seu lugar de orixe é debido a un esquecemento da persoa responsable de facelo, e non obedece á pretensión de querer borrar da historia recente do concello fitos e datas importantes. “Si este fora o caso quédalle traballo abondo ao Sr. Ferreira dada a cantidade de obras feitas e inauguradas nos gobernos municipais do Partido Popular”, afirman.

Esta actitude contrasta co que fixo o goberno municipal presidido por Ramón Sestelo Fernández en canto á conservación de placas conmemorativas, como ocorreu coa placa que había na antiga escola e que foi conservada xunto cos restos da fachada principal da escola cando se construíu o antigo centro de saúde.

“Si o goberno municipal quere seguir nesta tendencia pode seguir por instalacións acadadas grazas a gobernos do Partido Popular como o Pavillón de Deportes de Gondomar e Donas, os dous institutos, os colexios de Peitieiros e Gondomar, o Auditorio Municipal, o centro de saúde, a casa da cultura, a depuradora de augas residuais, as estacións de tratamento de auga de Borreiros e Gondomar, as vivendas sociais, a estación de autobuses, o centro neural, os campos de tenis, campo de fútbol de As Cercas, o céspede dos campos de Chaín e As Cercas, as remodelacións dos centros culturais e pistas deportivas en todas as parroquias, etc. O discurso de que os gobernos anteriores non fixeron nada cada vez vai quedando máis obsoleto, e non se pode a súa falta de xestión borrando o pasado”, remata dicindo a voceira do PP.