Festa de peche de tempada para os babys do CB Nigrán

O equipo Baby do Club Baloncesto Nigrán pecha a súa tempada 2020/2021 coa participación na III Concentración que se levou a cabo hoxe sábado no Pavillón de Panxón. Durante hora e media organizáronse dúas pistas de xogo con cinco equipos, Apóstol 1, Apóstol 2, Salesianos Verde, Salesianos Negro e o Club anfitrión, que saltaron á cancha de maneira simultánea . Ao finalizar cada partido os partidos rotaron de pista para xogar contra outro rival, así ata terminar a xornada matutina.

Os partidos foron arbitrados por xogadores/as das categorías de formación do propio club, que tamén se encargaron de levar o cronómetro. Destacar o gran ambiente que se viviu na bancada do pavillón coas familias dos cinco equipos participantes animando cada canastra que se encestaba na pista, recuperando as boas sensacións de tempadas anteriores.

Foi unha mañá moi intensa chea de emocións, de compañeirismo, de respecto e convivencia, que aínda que pon o broche final desta tempada, tamén significou o pistoletazo para volver encher os pavillóns de deporte e bo ambiente para a próxima tempada 2021/2022.