Catro días de cervexa artesá, música e comida en Baiona

Case 40 clases de cervexa ao alcance de calquera que se achegue ao Parque da Palma entre o vindeiro xoves, 24 de xuño, e o domingo, día 27. Tal é a promesa da I Feira da Cervexa Artesá de Baiona “La Pinta”, organizada polo Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura, e a Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns. Unha celebración da cervexa de autor que, na súa primeira edición, converterá á localidade en punto de encontro entre afeccionados e produtores. Artesáns chegados sobre todo da provincia de Pontevedra e desde diferentes partes de Galicia e algún invitado de fóra terán instaladas estes días as súas casetas na Palma. A feira será de acceso gratuíto e tamén contará con distintos foodtrucks, que ofrecerán ao público variadas opcións culinarias.

A concelleira de Cultura, Miriam Costas Iriarte, sinala que “se trata dun evento seguro xa que se dispoñerá dun protocolo anticovid con todas as medidas de seguridade: control da temperatura na entrada do recinto, xel desinfectante, entradas e saídas separadas, distancia entre mesas e desinfección das mesmas, aforo limitado, etc”. Pola súa banda o Alcalde, Carlos Gómez Prado, destaca que “desde o Concello de Baiona queremos poñer o foco en reforzar o carácter familiar da celebración. Por esta razón, esta I edición contará cunha variedade de xogos infantís dedicados a entreter aos máis pequenos e pequenas da casa. Ademais, cada xornada estará amenizada por DJ’s do ámbito local. Haberá foodtrucks, catas, charlas, obradoiros, sesións “BEER-MÚ” e moita diversión con seguridade”.

O xoves pola tarde ás 18:00 horas darase o pistoletazo de saída ao festival e o evento alongarase ata o domingo 27, en horario de 12:00 a 00:00 horas. Sen dúbida, a calidade das cervexas artesás será un dos principais alicientes para atraer ao público. “A organización deste tipo de eventos é un piar básico para o desenvolvemento e a desestacionalización de Baiona. O que se pretende é romper co encasillamento das actividades e empezar a diversificar a oferta cultural con actividades distintas que dinamicen e desestacionalicen os 12 meses do ano. Outra das metas é conseguir atraer público ao noso comercio e hostalería local”, finaliza o rexedor.

En canto ás firmas de cervexa artesá que estarán presentes no festival figuran: Cervexa Trisk-Ale de Nigrán; Cervexa Silvestres de Pontevedra; Cervexa Irmaos da Ley, de Cangas do Morrazo; The One, Sanxenxo; Atlántica de Vigo; Castrexa, do Bierzo; Go, de Madrid. “Todas as marcas terán prezos máis baratos que os habituais e haberá para todos os gustos: cervexa loura tradicional, suaves ou de máis gradación”, explica Esteban Barreiro, portavoz da asociación, quen sinala que o obxectivo é “promocionar o consumo deste produto artesán nuns momentos moi difíciles para o sector debido á crise sanitaria do COVID-19, polo que máis que nunca necesitamos o apoio dos nosos consumidores habituais. Tamén o que se pretende é dar a coñecer un produto elaborado de forma artesanal e profundar na cultura desta bebida”.

A celebración coincidirá co desenvolvemento do I Festival de Maxia “Baiona Pinta Maxia”, que se celebrará o sábado 26 e o domingo 27 de xuño. Este evento, congregará a artistas de recoñecido prestixio dentro do ilusionismo, como Camilo Vázquez, Roberto Lolo, Mago Rafa ou Dani Polo.