Alberto Meira, a continuar coa senda de podios en Pontevedra

O piloto gondomarense disputa esta fin de semana unha proba que evoca doces recordos para el, pois foi foi onde obtivo unha das súas primeiras vitorias absolutas. Alá polo 2008 vencía o Rallye do Albariño ao volante do Mitsubishi Lancer Evo IX e en 2009 finalizaba segundo. 12 anos despois desa última edición, e renomeado oficialmente como Rallye de Pontevedra, as carreiras regresan á Comarca do Salnés e arredores.

Alberto Meira e José Murado encaran a cita pontevedresa con ánimo de seguir o refacho de podios consecutivos, nada menos que sete, así que sairán novamente a por todas para tratar de lograr un dos banzos de honra. Fronte a eles, ademais da dura competencia, estarán as inclemencias meteorolóxicas, que de seguro deixarán un rallye pasado por auga onde as Pirelli RWA xogarán un papel esencial como o pneumático perfecto para condicións de choiva extrema.

En palabras do piloto de Vincios: “Afrontamos este Rallye de Pontevedra con moitas ganas, volver a unha zona mítica, da que gardamos moi bos recordos sen dúbida daranos enerxía extra. Aínda que dos tramos, tan só o de Meaño conserva zonas que disputamos anteriormente, síntome confiado de poder mellorar o resultado da Coruña. Ademais, coa presenza de choiva as prestacións dos coches iguálanse un pouco e talvez poderemos estar máis preto das monturas superiores, así que hai que apertar o que se poida sen cometer erros”.

O equipo AMF Motorsport afronta este Rallye de Pontevedra, que consta de 106 quilómetros contra o crono repartidos en 10 especiais, comezando o venres cun tramo “espectáculo” en Sanxenxo.