Ábalos anuncia unha rebaixa dun 20% para vehículos pesados na peaxe da AP-9

O ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, anunciou hoxe que os vehículos pesados dispoñerán dunha rebaixa dun 20% sobre as tarifas actuais na peaxe da AP-9, o que se aplicará tanto á viaxe de ida como ao de volta e sen ningún requisito de número de viaxes, recorrencia ou dispositivos a bordo.

O responsable do departamento fixo este anuncio na súa visita á inauguración das obras de restauración da escalinata do Obradoiro e rexería na Catedral de Santiago de Compostela, acompañado do secretario xeral de Axenda Urbana e Vivenda, David Lucas. Estas actuacións foron financiadas integramente polo Ministerio con algo máis de 1,4 millóns de euros, con cargo ao Programa de Rehabilitación Arquitectónica.

Na súa intervención, Ábalos precisou que esa rebaixa para vehículos pesados, similar na súa globalidade á que reciben os vehículos lixeiros, será financiada con cargo ao orzamento do Ministerio para a AP-9 e representará un aforro para o sector de polo menos 6 millóns de euros anuais. Neste contexto, destacou que se está culminando o maior esquema de bonificacións da historia concesional española, do que se beneficiarán os usuarios galegos e boa parte dos que visitan esta Comunidade Autónoma.

Doutra banda, o ministro fixo fincapé en que as probas do tramo de Alta Velocidade Pedralba-Taboadela-Ourense avanzan a bo ritmo. Segundo puntualizou, xa se están realizando probas dinámicas e xeométricas de vía e catenaria a 200 km/h e, ademais, dixo que, a curto prazo, comezarán as probas de sinalización e a auscultación de vía e catenaria a 300 km/h. Así pois, reafirmou a previsión de ter operativa a Alta Velocidade galega este mesmo ano.