A Área de Vigo subscribe un acordo sobre mobilidade interna para o persoal de atención hospitalaria

A Xerencia da Área Sanitaria de Vigo ven de asinar un acordo sindical sobre mobilidade interna voluntaria do persoal estatutario fixo do ámbito de atención hospitalaria, do que poderán beneficiarse 2.277 profesionais. O seu obxecto é seguir avanzando nun dos obxectivos fundamentais na política laboral do SERGAS: mellorar a conciliación familiar dos profesionais.

O Acordo, asinado polo xerente da Área Sanitaria, Javier Puente, e a presidenta da Comisión de Centro de Atención Hospitalaria, María José Diéguez, actualiza as disposicións previstas nos Acordos anteriores e establece os requisitos de participación, baremo de méritos da convocatoria e demais circunstancias relativas ao desenvolvemento do proceso que rexerá a próxima convocatoria de mobilidade interna voluntaria das categorías de persoal sanitario diplomado e de formación profesional, así como do persoal de xestión e servizos.

Unha vez foi asinado o mencionado Acordo, publicarase no Diario Oficial de Galicia, a correspondente Convocatoria publica á que poderán presentarse e optar aos postos convocados 742 Enfermeiros/as; 622 Técnicos/as en Coidados Auxiliares de Enfermería; 386 Celadores/as; 307 Auxiliares Administrativos/as; 80 Técnicos/as Superior en Imaxe para o Diagnóstico; 80 Técnicos/as Superior en Laboratorio de Diagnóstico Clínico; 31 Fisioterapeutas, 23 Enfermeiros/as especialistas en Saúde Mental; 3 Terapeutas Ocupacionais e 3 Logopedas.