Sin categoría

Nigrán continúa o ciclo “Primavera de Jazz” co trío do contrabaixista Xácobe Martínez Antelo

O Concello de Nigrán prosegue este venres 14 de abril ás 20:00 horas no Auditorio Municipal o seu primeiro ciclo “Primavera de Jazz” co trío do contrabaixista Xácobe Martínez Antelo. O músico compostelán, un dos máis prolíficos do jazz español, estará acompañado por Max Gómez á batería e Xosé Miguelez ao saxo. A seguinte cita será o domingo 7 de maio co trío do pianista Xan Campos. Este ciclo, que arrancou o 19 de marzo co guitarrista de Nigrán Felipe Villar, reúne fóra da tempada estival aos mellores músicos de jazz do noroeste peninsular (o Concello ten o Nigranjazz, o festival máis lonxevo de toda a comarca dentro deste xénero musical e que cada ano se celebra en xullo no esteiro de A Foz).

Antelo cursou os seus estudos musicais nos conservatorios de música de Santiago de Compostela e Vigo, e nos seus primeiros escarceos “semiprofesionais”, tocou en bandas alleas aos ámbitos do jazz, onde definitivamente estableceuse cando formou o grupo “Sumrrá”. Ten asinados preto dunha decena de discos e colaborado con outros grandes da escena galega como Marcos Pin, Abe Rábade ou a Orquestra Galega de Liberación, da que é fundador. Ten escritas máis de 60 composicións propias que vai debullando en cada formación musical onde toca. Xácobe Martínez Antelo compaxina o seu labor nestas formacións cos seus combos en forma de trío, cuarteto ou quinteto. Foi finalista nos V, VI e VII Premios Martín Códax da Música Galega, na Categoría de Jazz e Músicas improvisadas, e tamén foi Premio “María Casares” á mellor música orixinal polo seu proxecto “Citizen” en 2011. Volveu repetir galardón en 2015, polo seu traballo titulado: “Ultranoite no País dos Ananos” co grupo teatral “Chévere”.