O PSOE insta á Xunta a acometer as reformas demandadas polos centros educativos de Baiona

A deputada socialista pola provincia de Pontevedra, Leticia Gallego, mantivo onte unha xuntanza co alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e coas ANPAS do CEIP Fontes-Baíña, CEIP Belesar, CEIP Sabarís e EEI O Areal, para presentar unha batería de iniciativas que o PSdeG levou ao Parlamento de Galicia en relación ás necesidades específicas dos centros educativos da vila.

“O Concello de Baiona e as ANPAS das súas escolas están fartos das promesas incumpridas da Xunta de Galicia”, reivindicou a responsable socialista, logo de instar ao goberno galego a acometer as reformas demandadas polos centros educativos do municipio, que “reclaman máis investimentos e o arranxo dunhas infraestruturas” para paliar a situación de “deterioro estrutural provocada polo uso e inadecuación funcional dos centros ás esixencias educativas actuais e á normativa vixente”.

Concretamente, Gallego reivindicou diversas reparacións no colexio Fontes-Baíña como o cambio do portalón de acceso ao colexio, a instalación dunha potabilizadora para o centro, a mellora da luminaria ou o peche dunha das fachadas do pavillón escolar.

Doutra banda, a deputada socialista esixiu tamén unha mellora das instalacións do colexio de Belesar, onde a ANPA demanda a adecuación dos vestiarios e dos servizos de infantil, a substitución do valado do recinto escolar, así como un patio “decente e en condicións”, xa que “o actual é de terra, polo que non dispoñen dun chan adecuado para que as nenas e nenos poidan xogar”.

En canto ao colexio de Sabarís, a voceira socialista reclamou “o arranxo urxente” da cuberta, así como o peche das fachadas do pavillón, “xa que filtra auga”, o que “supón un enorme prexuízo para o alumnado”.

No caso da escola infantil O Areal, a deputada socialista denunciou que “está pendente dun investimento de 250.000 euros por parte da Xunta dende hai anos” para acometer a ampliación e a mellora das súas instalacións.

“Estes centros son un claro exemplo da mala xestión do goberno galego en materia educativa, xa que se trata de pequenas actuacións ás que se podería dar resposta con pequenos investimentos que terían cabida dentro da partida de 2,5 millóns de euros que o goberno galego orzamentou para a Consellaría de Educación”, concluíu.