Nigrán aprema a R a levar a fibra óptica aos 42 núcleos pendentes desde 2020

O Concello de Nigrán aprema á operadora R a que acometa no menor prazo de tempo posible a instalación de fibra óptica en 42 núcleos do municipio que están pendentes desde o ano 2020, data límite outorgada no Plan Estratéxico Nacional do goberno do Estado. Estas zonas nas que non se despregou, pese a estar contempladas e adxudicadas a R, afectan especialmente ás parroquias de Priegue (Mámoa, Navas, parte de Av. Pablo Iglesias, entre outras), Parada (Laxe, Tinde, Cabaleiros, entre outras) e Camos (Carballal, Carballeira, Touza, entre outras).

“Conseguimos grandes avances nos últimos meses coa incorporación dos barrios de A Rotea, Piñeiros, Levada e Lama en Camos; Mallón en Ramallosa ou Igrexa e Rabadeira en Parada”, explica o edil Diego García Moreira, quen destaca especialmente o recente despregue de fibra en 28 vivendas unifamiliares de A Ramallosa da contorna de Romana Alta. “Esta zona de A Ramallosa nin sequera estaba contemplada por ningún operador, por iso estivemos intermediando sen descanso para que non quedase fora”, indica García Moreira, quen avanza que “están en estudo outros 60 fogares da Ramallosa tras requirilo desde o Concello”. Así, neste núcleo urbano ata agora a fibra estaba limitada aos bloques de vivendas, non ás casas unifamiliares.

Igualmente, o goberno de Nigrán anuncia que asumirá a instalación de fibra óptica propia en todos aqueles núcleos que queden ao marxe do Plan Estratéxico de Banda Ancha ou que finalmente non sexan atendidos polos operadores. “Calquera núcleo que estivese contemplado e non se instale fibra por parte do operador correspondente ou que quede a marxe das zonas previstas, esperamos que realmente sexan poucos núcleos e interviremos neles” explica o edil Diego García Moreira.

“Somos conscientes de que é un tema vital para a veciñanza e de que temos que loitar para que as teleoperadoras rachen coa fenda tecnolóxica que existe entre o urbano e o rural. Hoxe en día internet supón o cordón umbilical do progreso e a totalidade da localidade ten que estar subida a ese tren, non podemos estar no século XXI con velocidades efectivas menores de 1 MB”, considera o alcalde, Juan González.