Os Círculos de Podemos do Val Miñor instan á Xunta a compatibilizar a RISGA co Ingreso Mínimo Vital

FOTO: XUNTA DE GALICIA // Consello Territorial de Servizos Sociais.

Os Círculos de Podemos de Baiona, Nigrán e Gondomar veñen de rexistrar unha moción para instar á Xunta de Galicia a facer compatible a RISGA e o Ingreso Mínimo Vital e que paralice así a reclamación da devolución desta axuda a dúas mil familias no país que durante as últimas semanas recibiron as cartas para o reintegro da mesma.

Desde a formación indican que “a Xunta tivo un ano para facer compatible a RISGA co Ingreso Mínimo Vital e agora a súa incompetencia pon en risco a dúas mil familias vulnerables en Galicia”, e continúan aclarando que respecto a este tema, “Feijóo preferiu confrontar co Goberno Central que garantir que as familias galegas que o precisen puideran percibir as dúas rendas, algo que si fixeron en comunidades como Pais Vasco, Aragón, Canarias ou Navarra”.

Desde Podemos solicitan o acordo da corporación nos seus correspondentes concellos, porque consideran que a reclamación da Xunta pon en risco extremo a economía xa precaria destas familias que, nalgúns casos, terán que recorrer aos propios concellos. Sinalan ademais que “se non poden integrar os cartos reclamados, perderán o acceso a outras axudas, como poden ser as relativas aos gastos de comedores escolares ou contra os desafiuzamentos”.

Tamén apuntan que a Xunta ten no artigo 42.2 da Lei 10/2013 que regula a RISGA un mecanismo para condonar e compensar as cantidades percibidas cando estas sexan produto de causas non imputables ás persoas beneficiarias, como é este o caso e tamén recordan que a súa formación aposta pola creación dunha “renda social municipal” como unha ferramenta fundamental para a protección das familias en situación de vulnerabilidade nos seus concellos.