Podemos Baiona solicita a reparación do pavimento nos barrios de Covaterreña, San Antón e Sabarís

Ante as reiteradas queixas veciñais, Podemos Baiona solicita ao Concello a reparación do pavimento e asfaltado das fochancas existentes nos barrios de Covaterreña, San Antón e Sabarís. Problemas cos que conviven dende hai tempo os veciños e veciñas. Tamén instan ao concelleiro de Vías e Obras a revisar e solucionar os problemas coa empresa xestora da auga, polo estado das canalizacións do Barrio da Anunciada, evitando que se volva repetir a situación destes días pasados.

Para José Ramón Estévez, portavoz de Podemos, “a situación no Barrio da Anunciada é lamentable, os veciños quéixanse do estado do pavimento que se afunde moi de cando en vez, provocando a aparición de fochancas que afectan á súa vida cotiá, molestias co pavimento (doutra categoría) que tamén sofren os veciños nas estradas doutras zonas da vila”.

“Isto convértese tamén nun perigo para as persoas e o tránsito de calquera vehículo co conseguinte risco de accidente ou rotura”, continúa Estévez, animando ao concelleiro de Vías e Obras a solucionar estes problemas xa coñecidos e reclamados pola formación con anterioridade.

Podemos lembra ao goberno local que non hai que esquecer o prexuízo que estes problemas causan a diario a moitos veciños e que, aínda que estas zonas non son tan visibles nin principais como a rúa Elduayen, é necesario dar solucións, no centro por suposto, pero tamén en zonas próximas e en todas as parroquias.