Nigrán instala alfabetos dactilolóxicos nos colexios e parques infantís polo Día das Linguas de Signos

O Concello de Nigrán conmemorou onte, 14 de xuño, o Día Nacional das Linguas de Signos en España coa instalación de paneis co alfabeto dactilolóxico nos parques e colexios públicos do municipio. Adicionalmente, o alumnado do CEIP da Cruz (Camos) participou durante a mañá nunha actividade do Concello dirixida por Yoli García, persoa xorda creadora da personaxe “Cofi”, xurdida para concienciar e sensibilizar á sociedade sobre que significa e implica a discapacidade auditiva. A iniciativa contou coa colaboración do servizo de interpretación e formación Entresignos, empresa radicada no municipio. Finalmente, a Casa Consistorial e a ponte da Ramallosa tinguíronse de azul turquesa por ser a cor que identifica á comunidade xorda.

Esta maneira de conmemorar a data no municipio forma parte do proxecto “Un Nigrán para todos” co que o goberno local busca a plena accesibilidade física e cognitiva, neste caso trátase de difundir entre a veciñanza a lingua das persoas xordas, a súa utilidade e o seu valor, poñendo en coñecemento dos cidadáns que son un idioma para a vida e para a convivencia.

“No 2018 instalamos paneis co alfabeto dactololóxico en diversos parques e, realmente, consideramos que era interesante levalos a todos os colexios e a máis espazos de xogo dos máis pequenos. O obxectivo é dobre: por un lado concienciar desde a infancia da existencia desta discapacidade sensorial e, por outro, outorgarlle desde pequenos unhas ferramentas básicas que lles achegue á lingua de signos para facilitar así a comunicación entre oíntes e non oíntes”, explica o alcalde, Juan González, quen acudiu á xornada en Camos xunto a edil de Educación, Marina Vidal. Nesta actividade Yoli García amosou as súas habilidades como ilustradora, ensinou e practicou co alumnado unhas nocións básicas da lingua de signos e, finalmente, deulles a probar as cinco mochilas vibratorias do Concello para que as persoas xordas sintan a música, un dos momentos que máis impresionou aos nenos ao experimentar por eles mesmos este outro xeito de “sentir” a música.

O Concello de Nigrán foi pioneiro en España xunto con Madrid en adquirir mochilas vibratorias e nesta crise do Covid-19 forneceu ás persoas xordas e ao profesorado de máscaras especiais coa zona dos beizos en plástico transparente para que toda esta comunidade poida comunicarse e non se sinta máis illada. Todo este tipo de iniciativas son propostas a través dun equipo interdisciplinar integrado no proxecto municipal “Un Nigrán para todos” dedicado á plena inclusión.

Día Nacional Linguas de Signos

Esta data adoptouse no 2014 en Consello de Ministros, e desde entón celébrase cada 14 de xuño porque ese mesmo día de 1936 foi constituída a Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE), entidade que xunto a a súa rede asociativa fixo posible que estas linguas sexan valoradas na sociedade como linguas de cultura, linguas de comunicación, tan válidas como calquera outra para transmitir ideas, acceder ao coñecemento, avanzar cara á igualdade, e construír cidadanía.