Gondomar reordena o tráfico no centro urbano

O Concello de Gondomar poñerá en marcha o martes 26 de marzo a 1ª Fase do Plan de Tráfico para o Centro Urbano. Deste xeito, a Policía Local no ámbito das súas competencias, reordenará a circulación nas rúas Pereiras, Emigrante, Ánimas, Levada do Beco e Av. do Conde. Todas elas pasarán a ser de sentido único de circulación cunha mellora na seguridade viaria e fluidez circulatoria facilitando o tránsito de autobuses e transporte pesado cara ás parroquias de Chaín, Morgadáns, Peitieiros e Couso e viceversa, e un aumento na súa capacidade de prazas de estacionamento.

O estudo realizado pola Xefatura da Policía Local determina que as 48 prazas de estacionamento para turismos existentes nas devanditas rúas pasarán ser 99; o que supoñerá un incremento do 106% de estacionamento nunha zona urbana necesitada de aparcamento público. A rúa Pereiras será de sentido único ascendente e a rúa Emigrante e Av. do Conde terán sentido único descendente; mentres que as rúas perpendiculares: rúa das Ánimas conectará a rúa Pereiras coa rúa Emigrante e a rúa Levada do Beco unirá a rúa Emigrante coa rúa Pereiras.

Anuncios