José Miñones traslada á Brilat o recoñecemento da sociedade galega polos seus servizos durante a pandemia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, recoñeceu hoxe os servizos prestados pola Brigada “Galicia” VII á sociedade galega durante a pandemia da COVID-19. Nun acto celebrado na base General Morillo, José Miñones impuxo á Brilat a gravata da Orde de Isabel a Católica, en atención aos méritos acumulados durante as operacións “Balmis” e “Baluarte” desenvoltas polo Ministerio de Defensa. De feito, esta concesión foi proposta desde a Delegación do Goberno en Galicia, polo anterior delegado, Javier Losada, ao Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, que é o organismo que ostenta actualmente esta prerrogativa.

Acompañado pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; José Miñones repasou na súa intervención os méritos acumulados pola Brilat no último ano no que denominou “a guerra máis dura que libramos nas últimas décadas”. Na primeira etapa da pandemia, a través da “Operación Balmis”, que se centraba na protección sanitaria da poboación e a vixilancia do cumprimento da normativa vinculada á pandemia. Nos máis de 100 días que durou a operación, os integrantes da Brigada Galicia despregáronse nun centenar de poboacións para apoiar ás autoridades locais, colaboraron no control de fronteiras e executaron máis de 200 desinfeccións de residencias de maiores, centros de saúde e outras instalacións estratéxicas.

Unha vez superada esta fase inicial, a Brilat centrou os seus servizos fronte á pandemia na “Operación Baluarte”, deseñada co fin de evitar a propagación do virus. Durante estes meses, os membros da Briltat axudaron ás autoridades sanitarias a realizar o seguimento dos casos de COVID-19 e dos contactos estreitos: “Máis de 1,5 millóns de chamadas telefónicas a galegos e galegas enfermas ou confinadas por ser contactos. Unha media de 100 chamadas por rastreador e día. E ata 13.000 chamadas nun só día durante o pico da terceira onda, a finais de decembro”, apuntou o delegado do Goberno. E engadiu que “detrás de cada chamada, a voz solidaria e amiga dun membro da Brilat”.

Ademais, José Miñones fixo referencia á Operación Sentinela, que cada ano leva a cabo a Brilat nos montes galegos contra os incendios forestais e que o pasado ano, en plena pandemia, ocupou 1.500 patrullas de vixilancia e prevención ao longo de máis de 220.000 quilómetros percorridos.

O delegado do Goberno dirixiuse aos integrantes da Brilat e ao seu xeneral á fronte, Luis Cortés Delgado, destacando a súa posición “á vangarda do noso Exército” e felicitándoos polo seu 55 aniversario que “celebramos coa imposición desta gravata”.