O gondomareño Danny Buba e o nigranés Anxo Carril, campións galegos de Enduro BTT

“Fai Enduro e non a guerra” foi o lema elixido polo VigoBikeContest para o seu regreso á acción. Iso, si, a parroquia viguesa de Saiáns foi o escenario este domingo dunha batalla deportiva no evento organizado polo Singletrack Outdoor Sports. Unha loita entre moitos dos mellores riders do panorama estatal na que estiveron en xogo os títulos autonómicos.

Catro riders do Val Miñor integrantes do Club Ciclista Coruxo subiron ao podio no Enduro da VigoBikeContest, que este ano cambiou a súa localización habitual en Coruxo polo Parque Forestal de Saiáns debido aos traballos de recuperación que se están efectuando nos montes que arderon de xeito dramático no 2017.

O gondomareño Danny Jan Buba Sopko proclamouse campión galego na categoría cadete, cun tempo de 09:47.785. No terceiro caixón do podio estivo acompañado polo seu compañeiro de equipo, o nigránes Luis Cabaco Mecca (10:38.309).

Na categoría júnior, o título autonómico foi para o nigranés Anxo Carril Rojas, cun tempo de 15:55.984. Manuel Loureiro Giráldez, de Baredo-Baiona, foi terceiro (16:25.527).

As saídas comezaron a darse ás 8:30 da mañá. O primeiro sector cronometrado (Pistolero) realizouse unha única ocasión, mentres que o TC2 (Castachís) e o TC3 (Bochistaña) se repetiron para completar o desafío contra o reloxo de cinco treitos.