Mulleres con vento en popa a toda vela

Neste 2021, tras máis de 40 anos de competición, o Campionato Galego de A Dous, celebrado a comezos de mes, tivo ás súas primeiras campioas galegas. Por primeira vez na historia do trofeo, as mulleres puideron optar a un título específico para elas, unha distinción que foi solicitada á Real Federación Galega de Vela polo Monte Real Club de Yates no marco do seu proxecto Vela en Feminino. É unha iniciativa que, a través de diferentes propostas, busca acabar coas desigualdades que nenas e mulleres sufriron no mundo da vela en particular e o mundo náutico en xeral. Unhas desigualdades e inxustizas que se remontan séculos atrás…

Non moito antes da Revolución existía en Francia unha ordenanza real que impedía ás mulleres embarcarse nos barcos da Coroa. Do mesmo xeito que noutros moitos sectores da sociedade, no mundo náutico as mulleres estaban consideradas seres menos intelixentes e capaces que os homes, e levar a unha a bordo supoñía -segundo dicían- un claro lastre para as expedicións. Había incluso quen, apoiándose nunha antiga superstición mariñeira, aseguraba que as mulleres traían mala sorte ás embarcacións, motivo polo cal debían quedar en terra.

Por sorte, xa por aquel entón houbo quen non quixo aceptar esas desigualdades e atreveuse a saltarse as normas, aínda correndo o risco de ser descuberta e castigada. Disfrazada de home, a botánica francesa Jeanne Baret embarcouse, en 1767, nunha das naves que, baixo o mando de Louis Antoine de Bougainville, formarían a primeira expedición gala en circunnavegar o planeta. Baret converteuse así na primeira muller en dar a volta ao mundo a través dos seus océanos, traendo consigo, ademais, unha colección de máis de 6.000 especies de plantas (que hoxe se conservan no Museo Nacional de Historia Natural de París), o que lle valeu a felicitación do mesmísimo rei Luis XVI.

Nunca saberemos cantas mulleres tivéronse que botar á mar vestidas de home ao longo dos séculos nin como lograron enganar aos mariñeiros de a bordo durante os longos meses que duraban as expedicións, pero o certo é que as houbo e que a maior parte delas non aparecen nos libros de historia.

Entre esas grandes mulleres que non recibiron o recoñecemento que merecen está a galega Isabel Barreto de Castro. Nada en Pontevedra en torno ao ano 1567, foi pioneira na navegación mundial ao converterse na primeira almirante da Mariña Española. En 1595 asumiu o mando da expedición que partiu rumbo ás Illas Salomón pero, a pesar de levar a un cronista a bordo (o portugués Pedro Fernández de Quirós), pouco ou case nada se sabe do gran capítulo que esta muller escribiu na era dos descubrimentos.

Son só dous exemplos dos moitos que pasaron practicamente desapercibidos na historia da navegación, na que o dominio foi e segue sendo claramente masculino. Houbo que esperar ata o século XX para empezar a ver a mulleres ocupando postos destacados nas embarcacións. A rusa Anna Ivanovna Shchetinina converteuse en 1935, con 27 anos, na primeira capitá da mariña mercante.

En España, non foi ata despois da Constitución de 1978 (que establecía a igualdade ante a lei de homes e mulleres, sen discriminación de sexo) cando as mulleres puidéronse matricular, por primeira vez, nas carreiras náuticas das escolas superiores da Mariña Civil.

A asturiana Ángeles Rodríguez foi a primeira alumna en 1979 e titulouse como a primeira oficial da Mariña Mercante en 1984. A canaria Mercedes Marrero foi o primeira capitán en 1992, Idoia Ibáñez o primeira capitán con mando, María Cardona a primeira oficial de máquinas e Macarena Gil, a primeira muller que exerceu de práctico do porto, unha profesión na que ata 2015 -basicamente ata antonte-, só traballaban homes.

O feito de que en España non se permitise o acceso da muller á formación náutica ata 1979 fixo que moitas delas se incorporaran moi tarde ao mercado laboral e é esa una das causas, sumada a moitas outras relacionadas tamén coa discriminación (como a crenza de que as mulleres están menos capacitadas fisicamente ou preparadas para perigo da actividade), de que a súa presenza no sector marítimo sexa moi inferior á dos homes.

A pesar de estar metidos xa de cheo no século XXI e de todos os avances vividos nas últimas décadas, as mulleres seguen sendo unha minoría e apenas chegan ao 2 por cento do case millón e medio de mariñeiros que existen en todo o mundo, segundo datos da Organización Internacional do Traballo. Non só son poucas senón que, ademais, raramente (non chegan nin ao 1 por cento) ocupan postos de alto rango xerárquico.

O mar mantívose durante séculos ligado á figura do home, que saía a faenar mentres que a muller quedaba en terra á espera, como ama de casa ou como redeira, pescantina, conserveira, comercializadora… en profesións que se practicaban fóra do mar (e tiñan un prestixio moito menor), aínda que estivesen estreitamente ligadas a el.

No apartado máis lúdico e deportivo, o relacionado con deporte da vela, a balanza tamén cae estrepitosamente cara ao lado masculino. Na actualidade, a cifra de deportistas federados en España supera os 17.000, dos cales case 14.000 son homes, quedando reducida a presenza feminina a apenas 3.500 deportistas. Son apenas un 21 por cento do total, e a cifra cae por baixo do 15 por cento se contamos as que participan en regatas oficiais.

Aínda que é certo que se deron importantes pasos en prol da igualdade no deporte da vela, o certo é que, do mesmo xeito que sucedía no sector marítimo, son aínda moi poucas as mulleres que obtiveron un recoñecemento mundial polas súas fazañas. Da maioría delas, só os realmente interesados na materia saberán recoñecer os seus nomes e os seus logros.

Mulleres como a neozelandesa Naomi James, a primeira que, en 1977, deu a volta ao mundo navegando a vela, en solitario e sen escalas, batendo ademais todos os records de velocidade; ou Dee Caffari, que en 2006 fixo o mesmo pero ao revés, de leste a oeste, polo considerado “camiño equivocado”, en contra dos ventos e as correntes dominantes no globo; e que en 2009, tras vencer na Vendée Globe (a volta ao mundo a vela en solitario sen escalas nin asistencia), converteuse na primeira muller que, soa e impulsada polo vento, abrazou o planeta en ambas as dúas direccións.

Mulleres como Tracy Edwards que, con apenas 23 anos, tivo que esquivar as burlas de todos os que riron dela por soñar cun equipo integramente feminino na Whitbread Round the World Race (a volta ao mundo de vela), na que logrou participar en 1989.

Cumpriu o seu soño a bordo do Maiden. Non gañou, pero converteuse na primeira muller en recibir o trofeo ao mellor regatista do ano e logrou que 12 mulleres estivesen durante meses no foco do panorama náutico mundial.

A súa decisión e a súa valentía permitiron construír unha porta que volvería abrirse ata en catro ocasiones máis, grazas a catro equipos que se lanzaron ao mar para demostrar que as mulleres tiñan moito que dicir na volta ao mundo. O Maiden de Tracy Edwards foi o primeiro barco integramente feminino na hoxe coñecida como The Ocean Race, e a el seguíronlle o Heineken (US Women’s Challenge) de Nance Frank e Dawn Riley en 1993, o EF Education de Christine Guillou en 1997, o Amer Sports Too de Lisa McDonald en 2001; e o Team SCA de Sam Davies en 2014.

Desde a primeira edición da volta ao mundo en 1973 houbo equipos -poucos- formados unicamente por mulleres, e mulleres -cada vez máis- formando parte de equipos, sendo o caso máis destacado o de Carolinjn Brouwer e Marie Riou, as primeiras en proclamarse campioas dunha Volta ao Mundo a vela a bordo do Dongfeng en 2018.

E así, aínda que con altibaixos, a evolución da presenza da muller no mundo da vela non se quedou aí. Sen ir máis lonxe, en 2020 participaron na Vendée Globe, a regata máis esixente da vela oceánica, 6 mulleres, todo un récord que nunca se deu neste desafío. Foron as inglesas Samantha Davies, Miranda Merron e Pip Hare; as francesas Clarisse Crémer e Alexia Barrier, e a franco-alemá Isabelle Joschke.

O avance en termos de igualdade resulta evidente pero o traballo non está -nin moito menos- completo no mundo da vela. Proba diso son as múltiples iniciativas que, sobre todo nos últimos anos, puxéronse en marcha a través de federacións, clubs e equipos. Ligas femininas, tripulacións exclusivas de mulleres, actividades de formación e especialización deseñadas especialmente para elas… o que se busca é dar un maior protagonismo á muller nun sector que historicamente a relegou a unha posición secundaria.

Nesa loita enmárcase tamén o proxecto Vela en Feminino do Monte Real Club de Yates de Baiona, grazas ao cal se formou un equipo integramente feminino para participar nas principais regatas das Rías Baixas galegas, conseguiuse que a Real Federación Galega de Vela crease un premio específico para mulleres no Campionato Galego de A Dous, organizáronse actividades de navegación específicas para mulleres, celebrarase o 25º aniversario da Ladies Cup e espérase poñer en marcha varias iniciativas máis neste 2021.

Desde o Monte Real cren que o binomio muller-mar segue necesitando de apoios e impulsos, que presenza feminina no mundo da vela necesita e merece seguir abríndose camiño, e que iso só lograrase mediante o compromiso de todos co fomento o deporte igualitario. As velas xa están izadas, tan só falta enchelas de vento.

É unha reportaxe de Rosana Calvo, responsable de comunicación do MRCYB