Espectáculo e deporte únense en Baiona co Campionato de España de Motos Acuáticas

Vibrante e chea de emoción presentouse en Baiona a primeira xornada do Campionato de España de Motos Acuáticas, con 52 pilotos na auga que tomaron parte na modalidade de Rallyjet, ofrecendo un gran espectáculo no trazado entre boias que montou sobre a lámina de auga da enseada o Comité Técnico das Reais Federacións Española e Galega de Motonáutica, organizadoras da gran cita de Alto Nivel.

Ampla representación murciana no máis alto do podio, con Alejandro Molina levándose o Trofeo Concello de Baiona en GP1, seguido do vasco Andoni Gutiérrez, pechando o caixón do podio o tamén murciano Samuel Pujante.

Desde Murcia chegaba o gañador da categoría GP2, Rubén Jiménez, co vasco Iñaki Traba, na segunda praza, levándose o bronce o valenciano Julio López.

En GP4 o trofeo íase para Baleares da man do seu embaixador en Baiona Alejandro Prats, seguido polo andaluz Francisco González, sendo terceiro o mallorquino Juan Carlos Palau.

Desde Baleares chegaba tamén o gañador da categoría GP1 Atmosférico, Enrique García, seguido do andaluz Antonio Cabrera, sendo terceiro o galego Miguel Lamas.

En GP0 repetía podio Andalucía da man de Óscar Rodríguez, co madrileño Carlos Vela na segunda praza, sendo a terceira para o murciano Amador Ferrer.

Xa en GP2 Promoción, o ouro era para o murciano Ginés García, coa prata para o alacantino Gregorio Mayor, indo parar o bronce ao representante vasco Ian Traba.

Por último, na Copa Yamaha de Jet Esquí, o vencedor era o andaluz Harley Valentino, sendo segundo o madrileño Carlos Vela, pechando filas o galego Manuel Rico.

A entrega de premios celebrouse ás sete da tarde na Escultura de Soledad Penalta, en Santa Marta, coa presenza do máximo rexedor do concello baionés, Carlos Gómez, acompañado pola edil de deportes, Miriam Costas, e os presidentes das Federacións Española e Galega de Motonáutica, José Miguel Fernández Pacutos e José Fernández Prado, respectivamente.

O Campionato de España de Motos Acuáticas – Trofeo Concello de Baiona celebrarase os días 12 e 13 de xuño na Vila de Baiona, formando parte do calendario de competición de 2021 por concesión da Real Federación Española de Motonáutica á Real Federación Galega, tendo por principal anfitrión e patrocinador do evento ao Excmo. Concello de Baiona, así como Deporte Galego da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Efectos Navales Jesús Betanzos e masquenautica.com, o apoio loxístico do Porto Deportivo Baiona, o Club Náutico Portonovo e a colaboración do Consello Superior de Deportes, LaLiga Sports, Tierra y Mar Multiaventura, Jet&Bike, Murimar Seguros e TacTic Audiovisual.

Mañá domingo outros tantos pilotos competirán na modalidade de Offshore, con percorridos longos que os levarán desde Baiona ata Portonovo, na Ría de Pontevedra, e San Simón na Ría de Vigo. A saída, ás 11 horas.