“A maleza invade Baiona ante a pasividade do goberno local”

O Partido Popular denuncia nun comunicado que Baiona atópase “a monte” pola desidia do tripartito, “que non se preocupa por rozar e limpar as zonas naturais do municipio”. Segundo os populares, tanto as parroquias como o centro están ata arriba de maleza, “a pesar de atoparnos xa en pleno mes de xuño”.

“Parques infantís e biosaudables repletos de maleza, bancos nos que é imposible sentar, lavadoiros con herbas que impiden o seu uso, espazos de lecer familiar inutilizables porque parecen selvas, rotondas onde as silvas pasan o céspede artificial e sendeiros polos que custa pasar pola invasión das plantas. Esta é a imaxe que presenta o municipio e que os veciños teñen que observar e sufrir día tras día polo deixamento do goberno que dirixe o socialista Carlos Gómez. Non se preocupan nin de ter decentes as zonas máis transitadas”, critican desde o grupo municipal popular, que lembra que o goberno local debería ter un plan de limpeza e roza e non improvisar cada ano a destempo. “Os veciños pagan os seus impostos relixiosamente e non se merecen isto”, apostilan.